Os traballadores do Parque de Maquinaria esixen unha mellora salarial

Pontevedra
23 de xuño 2016

Á primeira hora da mañá deste xoves reuníronse no Pazo provincial o deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez e os representantes dos 30 funcionarios adscritos ao Parque de Maquinaria, que puxeron sobre a mesa a súa demanda de melloras salariais

Alcaldes do PSOE mostraron o seu apoio ao goberno provincial
Alcaldes do PSOE mostraron o seu apoio ao goberno provincial / PontevedraViva

Á primeira hora da mañá deste xoves reuníronse no Pazo provincial o deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez e os representantes dos 30 funcionarios adscritos ao Parque de Maquinaria, que puxeron sobre a mesa a súa demanda de melloras salariais.

Segundo explicou o delegado sindical de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, a "solución" pasa por que o goberno provincial introduza nas nóminas destes funcionarios o cobro de novos "conceptos dentro do seu complemento específico", iso, asegurou o sindicalista "resolvería o problema". 

Ademais Piñeiro asegurou que "os traballadores non teñen nada que ver no tema político, para nada".

É dicir, o persoal do Parque de Maquinaria pide unha gratificación mensual de 400 euros. Deste xeito, cumprirían coa xornada intensiva que se lles asignou, de oito da mañá ata as tres da tarde.

Na reunión, Uxío Benitez lembroulles a súa condición de funcionarios e coas responsabilidades derivadas desa condición fronte ao "boicot", que ao seu xuízo, están a facer no Parque de Maquinaria. 

O deputado trasladou a súa "preocupación por que as estradas estean en bo estado de mantemento e conservación" e pediulles "un esforzo" para que se "centren" nas súas obrigacións como traballadores públicos.

Do mesmo xeito puntualizou o deputado nacionalista que as reclamacións retributivas teñen que facerse "polas canles establecidas de negociación colectiva" que non son da súa competencia, xa que son responsabilidade do deputado socialista Carlos López Font.

E chamou a atención sobre o feito de que esta proposta de mellora salarial exposta por Comisións Obreiras afecta só a un colectivo de 30 persoas cando o conxunto de traballadores do Servizo de Mobilidade, no que se inclúen as Brigadas de Obras, é de 140 persoas.

APOIO DOS ALCALDES

Os alcaldes dos concellos de Cambados, Porriño, Cuntis, Ponte Caldelas, A Illa de Arousa, Silleda, Vilaboa, Caldas, Gondomar, Barro, Ribadumia, Lalín e Vilagarcía trasladaron o seu apoio ao goberno provincial neste conflito co Parque de Maquinaria.

O rexedor cuntiense, Manuel Campos, actuou como portavoz sinalando a "arbitrariedade" coa que actuaba ata agora este servizo, beneficiando unicamente ao Partido Popular. Campos cualificou de "linchamento" a actitude deste grupo de traballadores e dos deputados populares.

Arquivado en