Os traballadores do Parque de Maquinaria esixen á Deputación garantías de continuidade deste servizo

Pontevedra
22 de xaneiro 2016

O Parque Central de Maquinaria, situado na Xunqueira de Alba, acolleu este venres unha asemblea á que acudiron todos os traballadores deste servizo na provincia e na que se decidiu esixir ao goberno da Deputación "garantías de continuidade deste servizo"

Asamblea no Parque de Maquinaria / PontevedraViva

O Parque Central de Maquinaria, situado na Xunqueira de Alba, acolleu este venres unha asemblea á que acudiron todos os traballadores deste servizo na provincia e na que se decidiu esixir ao goberno da Deputación "garantías de continuidade deste servizo".

Entre outras cuestións queren o compromiso do equipo de goberno de que no ano 2018, cando termina a concesión de Costas para ocupar estes terreos, estarán construídas novas edificacións para albergar o Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial.

Na asemblea interviñeron José Ramón Piñeiro, secretario da sección sindical de Comisións Obreiras na Deputación e Xosé Lois Jácome, deputado de Marea.

"Queremos que o equipo de goberno reconduza a situación e concrete medidas que demostren que non se vai a privatizar este servizo", resumiu José Ramón Piñeiro.

O problema, segundo se dixo na asemblea, é que as políticas que se están levando a cabo por parte do equipo de goberno, "conducen ao desmantelamento de determinados servizos" por non destinar partidas necesarias para as instalacións do parque ou a planta de aglomerado.

Tamén lles preocupa o anuncio de transferencia de estradas aos concellos "xeran unha tremenda intranquilidade" nos traballadores, porque ven perigar os seus postos de traballo.

Como conclusión, a asemblea decidiu, "darlle unha nova oportunidade ao goberno provincial", para que senten a negociar cos traballadores "e ver como reconducimos a situación".

Aínda que José Ramón Piñeiro advertiu que "se non hai decisións que demostren que este servizo vai ter continuidade e que seguirá sendo público iniciaremos unha escalada de mobilizacións, porque non nos queda outra".

Neste sentido o representante do sindicato CSIF, Javier Costas, sinalou a conveniencia de que o deputado delegado de Vías e Obras, Uxío Benítez, "atenda as nosas peticións de entrevista para que nos informe dos plans que ten para este servizo".

Javier Costas reclamou a elaboración dun Plan Estratéxico que recolla as demandas dos traballadores porque "nos preocupa seguir perdendo medios e compañeiros, que non se renoven prazas, que haxa máis precariedade".

Pola súa banda, o deputado de Marea, asegurou que "nos preocupa que se repita na Deputación o que está a suceder no Concello de Vigo onde, por desgraza, discursivamente sempre defenden os servizos públicos pero despois os feitos din outra cousa e privatízano todo".

"Estaremos vixiantes xunto cos colectivos de traballadores para que os servizos públicos non sexan liquidados", concluíu Jácome.

Arquivado en