"Orgullosos de pertencer a esta familia". Con esta frase chea de sentido finaliza un dos vídeos que converteu ao persoal do Hiper Froiz de Pontevedra no fenómeno viral deste verán.
Todo partía da iniciativa de Ángeles Caldas, unha das empregadas con máis traxectoria na empresa. "Levo 33 ou 34 anos, pero aquí estamos 6 que vimos desde o supermercado orixinal de Cobián Roffignac, algunha con máis de 40 anos en Froiz", apúntanos, á vez que nos pide que indiquemos que, aínda que a idea foi súa, o traballo é colectivo. "De todos, de todos", insiste.
No mes de novembro viu un vídeo en Youtube e comentoullo ás súas compañeiras que lle dixeron "ti estás tola", afirma entre risas, ata que un día decidíronse. "Veña, facémolo, e así empezamos a ensaiar ao peche do supermercado, pola noite, pendentes do toque de queda".
Comezaron como un pequeno grupo ao que pronto se sumou un cliente do supermercado, Luciano Gomes, profesor de baile nunha academia de danza situada a poucos metros do Hiper Froiz, en Santa Clara, e que desinteresadamente ensaioulles a coreografía que no vídeo final se acompaña da popular canción Jerusalema, un canto á esperanza e que dá nome tamén a unha ONG da que outro comprador habitual é membro e "que se emocionou moito cando llo dixemos", sinala Ángeles.
Non remataron aquí os apoios, xa que outro cliente, Alberto Mirás, tamén quixo colaborar con esta iniciativa encargándose da gravación e a edición. "Coa campaña de Nadal tivemos que parar e despois retomámolo, Alberto viña ao peche e ía facendo as tomas ata que en maio finalizamos a gravación", relata Ángeles Caldas.
Tal foi a implicación do persoal do supermercado como dos dous colaboradores que ao final se montaron dous vídeos. Un deles con escenas cargadas de humor e compañeirismo recreando o día a día no supermercado e o segundo onde se recolle a coreografía completa que gravaron na praza exterior do hipermercado e que se fixo do tirón un domingo moi cedo "para non coincidir coa xente que vai a misa de 11 para que non nos visen e se puidese estragar a sorpresa", explica Ángeles, moi agradecida pola asistencia do numeroso grupo que se ve no vídeo e no que, sen quitar mérito ás súas compañeiras, recuerda especialmente a Javi e a Iván, porque sabe que fixeron un grande esforzo ao ser os únicos homes no baile.
AGRADECEMENTO EN MAIÚSCULAS
"Dos dos iogures ninguén se acorda". Esta frase quedóuselle gravada a Ángeles cando un dos provedores habituais lamentábase de que o sector da alimentación era o grande esquecido da pandemia a pesar de que o seu traballo era esencial.
E de súpeto acordouse doutros profesionais como as funerarias, o persoal das ambulancias, os sanitarios, a policía, as súas compañeiras e compañeiros do supermercado e do agradecidos que estaban á dirección da empresa "porque nos coidou desde o principio, déronnos máscaras e xeles, e seguen coidando do persoal, que aquí somos case 70 en plantel e non houbo ningún contaxio" ou aos clientes "que sempre nos dan as grazas e agora co vídeo non paran de felicitarnos".
A todos eles vai dedicado este vídeo homenaxe no que aparecen sobreimpresas frases cheas de sentido: "Grazas polo teu apoio. Grazas pola túa confianza. Grazas polo teu respecto. Todo mariñeiro necesita un patrón que exerza de guía neste gran barco. Orgullosos de pertencer a esta gran familia". O patrón refírese ao fundador do Grupo Froiz, Magín Alfredo Froiz, ao que Ángeles pide que nomeemos porque "sen el nada disto sería posible", en alusión a "a gran familia" que forma o plantel do Hiper Froiz Pontevedra.