Os traballadores do Diario de Pontevedra seguen en loita para reclamar un convenio xusto

Pontevedra
20 de decembro 2022

Seguen abertos ao diálogo coa empresa pero rexeitan a última oferta que califican como "ridícula" agardando unha prosposta "xusta" para desbloquear un conflito que se produce tras anos de rebaixas salariais, despedimentos e incumprimentos reiterados de acordos sociolaborais

Concentración dos traballadores do Diario de Pontevedra
Concentración dos traballadores do Diario de Pontevedra / PontevedraViva

O persoal do Diario de Pontevedra segue en loita para reclamar un convenio xusto cuns salarios dignos. Este martes fixeron unha concentración de protesta, de 11 a 12 da mañá, no entronque das rúas Lepanto e Benito Corbal, preto da sede da empresa. 

Seguen abertos ao diálogo coa empresa pero rexeitan a última oferta que califican como "ridícula" agardando unha prosposta "xusta" para desbloquear un conflito que se produce tras anos de rebaixas salariais, despedimentos e "incumprimentos reiterados" de acordos sociolaborais.

As nóminas dos máis de 50 traballadores do Diario de Pontevedra levan conxeladas dende hai sete anos e veñen de estar afectados por un ERTE vinculado á pandemia do coronavirus, o que provocou un importante quebranto económico.

Tamén sinalan que, ao igual que lle ocorre ao resto da cidadanía, a inflación está tendo efectos "devastadores" nas economías domésticas.

O comité de empresa ten convocada unha folga indefinida a partir do 22 de decembro.