Os traballadores de Viaqua inician mobilizacións en Pontevedra por "un convenio xusto"

Pontevedra
04 de maio 2021

O comité denuncia falta de avances na negociación do novo convenio colectivo, do que esixen subida salarial e mellora nas condicións laborais de todos os empregados

Protesta de traballadores de Viaqua
Protesta de traballadores de Viaqua / Mónica Patxot

O persoal de Viaqua iniciou este martes en Pontevedra unha serie de concentracións en sinal de protesta contra a empresa pola falta de avances na negociación dun novo convenio colectivo que, segundo os traballadores, debe recoller unha subida salarial e unha mellora nas condicións de traballo para todos os empregados.

A concentración na Praza da Peregrina e a posterior marcha cara á sede de Viaqua na capital foi só o primeiro movemento duns traballadores que non están dispostos a tolerar a "lentitude" coa que a empresa trata de implantar melloras laborais. Esta semana repetirán manifestación en Fene, logo farano en Ourense e finalmente en Santiago. "Se isto segue na mesma dinámica empezamos con folgas a final de mes", advirte o presidente do Comité Intercentros de Viaqua, Fernando Romero. 

"Levamos un ano en negociacións  e queremos chegar a un acordo coa empresa", sostén o representante dos traballadores. As súas peticións non se limitan só a unha subida de soldos, "tamén reclamamos melloras nas condicións das gardas, dos reténs, para o persoal de depuradoras, un plus de tóxicos. Así como para as persoas que traballan en administración e os técnicos, porque nos tempos que vivimos teñen moita carga de traballo", explica Romero.

Na Praza da Peregrina de Pontevedra concentráronse preto de medio centenar de traballadores nunha mobilización respaldada pola CIG e CC.OO na que, a golpe de megáfono, os traballadores entoaban proclamas como " Viaqua, escoita estamos en loita" ou "convenio de Viaqua, solución", ao mesmo tempo que lucían unha pancarta na que podía lerse: " Traballadores de Viaqua por un convenio xusto".