O persoal da fábrica de Tafisa en Ponte Caldelas decidiu en asemblea iniciar un calendario de protestas para intentar evitar que a dirección da empresa peche a nave situada no polígono da Reigosa.
Durante máis de catro horas que durou a asemblea convocada para a tarde deste luns 19, tres días despois de que a dirección anunciase a decisión de pechar a empresa por causas económicas, os sesenta empregados da factoría decidiron intentar queimar ata o último cartucho para que a nave continúe en funcionamento.
Segundo explicaba o presidente do comité de empresa, José Manuel Moledo, "a esperanza é o último que se perde e, pola experiencia que temos nesta fábrica, a planta é viable". Moledo indicou que a se este mes seguise de xeito normal, o balance de contas pecharía con números positivos: "sospeitamos que a empresa non te moitas ganas de loitar por isto" e engadiu que a escusa económica non se sostén neste momento.
Os representantes sindicais temen que a falta de carga de traballo que sofre a factoría alemá, a resolverían cos encargos que teñen actualmente aquí. "Hoxe estase a traballar unha carteira de pedidos amplo", indicou o presidente do comité.
Ao longo dos próximos días teñen previsto iniciar unha rolda de entrevistas co alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e co presidente da Deputación, Rafael Louzán, coa intención de que poidan forzar a empresa a dar marcha atrás nas súas pretensións de peche.
Ademais, Moledo indicou que o persoal da fábrica quere levar a cabo actos de protesta que anunciarán o próximo mércores 21.