A asemblea de traballadores da empresa Enmacosa decidiu este martes 16 de abril apoiar o acordo ao que nas últimas horas alcanzaba o comité de empresa coa dirección para acometer un ERE extintivo que finalmente afectará a 33 traballadores que serán despedidos, a maioría pertencentes á sede central. A este número hai que sumar outras 4 baixas incentivadas.
A dirección de Enmacosa presentara o 19 de marzo aos representantes dos traballadores o ERE extintivo para 48 empregados do equipo de 158 integrantes cos que actualmente conta a empresa, segundo informaron fontes sindicais. As sedes afectadas polo expediente de regulación de emprego son a central en Sanxenxo, Oleiros e Vigo. O diálogo entre a dirección e o comité durante case un mes levaron a un acordo na cifra de de traballadores afectados con 33 despedimentos directos e 4 cesamentos voluntarios con indemnización.
A empresa confirmou a PontevedraViva a presentación deste ERE pola situación económica e a caída sistemática da construción civil con perdas importantes durante os últimos anos.
Enmacosa encárgase de realizar proxectos de enxeñaría e ata o momento, a maior parte dos integrantes do equipo contaban con contratos indefinidos porque se trata de traballadores especializados e cualificados. Non obstante a crise no sector da construción afectou de xeito importante a esta empresa que, nestes momentos, leva obras como as da AVE en Portela ou a ponte de Noia.
Dende o 19 de marzo, a dirección e o comité de empresa estaban a negociar este ERE formulado pola empresa que xa levaba asumindo un período un expediente de redución do horario da xornada laboral dende abril de 2012 que afectaba, sobre todo, aos técnicos de construción.
A dirección de Enmacosa intentou evitar que a información transcendese para que non afectase a operacións financeiras abertas que permitan garantir o futuro desta empresa que conta, ademais das 6 sedes en Galicia, con oficinas en Madrid, Baleares, Aragón, Asturias, Canarias, Andalucía, Cataluña, Castela-León e Levante que, polo momento, non se viron afectadas por este ERE.
Nas negociacións intentouse garantir un plan de viabilidade para os 121 empregados que continúan na empresa. Dende hai dous anos, a empresa viña reducindo as contratacións temporais para poder enfrontarse á crise.
Enmacosa é unha empresa técnica cun importante desenvolvemento do seu departamento de I+D+I. Dedícase ao control do estado das instalacións de electricidade, fontanaría, calefacción, acústica tanto en edificios privados coma en obras civís: aeroportos, ferrocarrís, autovías, obras hidráulicas... ademais de encargarse tamén do control de seguridade das atraccións das festas.
Enmacosa considera viable a creación dunha bolsa de emprego á que poderían acollerse os traballadores despedidos neste ERE co obxectivo de incorporarse de novo á empresa cando poidan requerir os seus servizos.