Os traballadores de Ence volveron sacar á rúa as súas críticas ao PSOE pola súa postura en relación coa permanencia de Ence na Ría de Pontevedra. Este mércores, máis dun cento de persoas concentrouse ás portas do Hotel Galicia Palace, onde se celebraba unha comida-mitin socialista coa presenza da ministra de Traballo, Magdalena Valerio. Ademais de volver amosar o seu rexeitamento ao Executivo de Pedro Sánchez, nesta ocasión, tamén lograron un avance moi positivo: falar directamente coa ministra.
Magdalena Valerio reuniuse cos presidentes do comité de empresa de Ence, Ana Cedeira e Ignacio Acuña, durante máis de 20 minutos e, aínda que se tratou dun encontro privado, os representantes sindicais si indicaron, ao remate do mesmo, a súa satisfacción porque, por primeira vez, foron recibidos por un integrante do Goberno.
"É un avance positivo cando xa a propia ministra de Traballo nos recibe. Iso é algo alentador. Polo menos, xa nos escoitaron, cousa que o mes pasado en Vigo non sucedeu así", valorou Ana Cedeira, en alusión a que durante a campaña das eleccións xerais intentaron falar en Vigo con Pedro Sánchez e non o lograron. Nesta caso, si obtiveron resposta da ministra e veno "positivo, si, porque o Goberno xa nos escoita".
Os representantes do comité trasladáronlles que eles seguirán "defendendo os nosos postos de traballo, que é o que temos que facer", pero están satisfeitos porque o ton da reunión foi "cordial" e porque "ela apoiou os traballadores e os postos de traballo". "O apoio aos traballadores foi claro", asegurou Ignacio Acuña.
Segundo explicou Acuña, transmitíronlle que "hai que gobernar con coherencia e non se pode dicir para un mesmo problema unhas cousas en Asturias e outras aquí" explicáronlle a realidade da empresa "para que teña esa sensibilidade e sexa capaz de transmitila a quen lla teña que transmitir". Son conscientes de que ela non é a presidenta do Goberno, de maneira que lle pediron que lle entregue a Pedro Sánchez un manifesto que xa tentaron darlle en Vigo.
Ademais, Cedeira e Acuña insistiron este mércores en que cando os políticos falan de traslado "o que queren é dar unha certa pátina de defensa dos postos de traballo", pero a realidade non é esa, senón que "non hai tal traslado, só hai continuar onde estamos ou peche. E o peche o que conleva é que nos vaiamos ao paro de cabeza todos".
Na reunión tamén estiveron o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Non participou o candidato do PSOE á Alcaldía, Tino Fernández, a quen nos últimos días foron dirixidas a maioría das críticas dos traballadores de Ence. Este mesmo mércores corearon, ás portas do Galicia Palace, "Tino, cabrón, traballa de peón".
Aínda que non estivo na reunión, a intervención do alcaldable socialista foi decisiva para que puidera producirse, pois os representantes dos traballadores de Ence acadaron este encontro coa ministra de Traballo porque así llo solicitou expresamente Tino Fernández.
De feito, segundo indicaron desde o PSOE, ditos representantes en ningún momento pediron ese encontro, nin formal nin informalmente, senón que foi o candidato pontevedrés, coa súa mediación, o que conseguiu que Valerio accedese a escoitalos.
As persoas concentradas ás portas do hotel berraron a Tino Fernández á súa entrada, insultándoo e insistindo en cuestións como "non tes vergoña". Un traballador seguiuno ata dentro do establecemento e durante varios minutos negouse a saír ao exterior a pesar de que os responsables de seguridade llo pediron insistentemente.
Outros dos lemas coreados polas persoas concentradas mentres facían ruído e usaban megáfonos e chifres foron "co pan dos nosos fillos non ides xogar", "os obreiros somos nós" ou "5.000 traballadores fronte a catro vividores".