Os traballadores de ENCE reclaman investimentos na fábrica por ser un "compromiso moral" con Pontevedra

Pontevedra
10 de outubro 2023
Actualizado: 13:17

Este martes ás dez da mañá tivo lugar unha concentración do comité de empresa de Ence diante da portería da fábrica en Lourizán reclamando un plan firme de investimentos na factoría de Pontevedra

Protesta dos traballadores de Ence
Protesta dos traballadores de Ence / PontevedraViva

Este martes ás dez da mañá tivo lugar unha concentración do comité de empresa de Ence diante da portería da fábrica en Lourizán reclamando un plan firme de investimentos na factoría de Pontevedra. 

Os traballadores esixen á Dirección de Ence que aprobe un Plan Industrial e un Plan Estratéxico agora que xa ten despexado o seu futuro por mor da sentenza do Tribunal Supremo do pasado 7 de febreiro na que se ratificaba a legalidade da prórroga da concesión por 60 anos outorgada en 2016 para seguir ocupando os terreos de dominio público marítimo terrestre nos que está instalada a fábrica na ría de Pontevedra.

"Es un compromiso moral con Galicia, con Pontevedra, con el sector forestal, con el de la logística, del transporte, del área portuaria de Marín, de los trabajadores tanto de Pontevedra como de sus empresas auxiliares, así como con todo el empleo directo, indirecto e inducido que promueve", sinalou o secretario do comité de empresa da fábrica, Rubén Fernández.

Pasaron oito meses desde a publicación desa sentenza do Supremo e os traballadores consideran que  "es ya el momento para que se nos apruebe un Plan Industrial que nos permita dar continuidad al empleo que esta empresa promueve".

Este representante do persoal da fábrica de pasta de papel espera que a Dirección poña en marcha estes investimentos "promoviendo un trabajo digno, de calidad, respetuoso con el medio ambiente y que nos permita afianzar nuestro futuro laboral aquí en Pontevedra".

Ese plan que demandan, segundo explicou, deberá contemplar a mellora das instalacións da fábrica de Lourizán, así como "un plan estratégico que nos permita adaptarnos al mercado actual" e que sexa  "ambicioso, comprometido con el empleo y que nos permita crecer y ser una empresa de referencia a nivel nacional e internacional".

O presidente do Comité de Empresa da fábrica de Ence, Manuel Rivas, engadiu que "esos planes de inversión que reclamamos simplemente es dinero para que esto siga vigente que tengamos futuro y poder estar en el mercado, sino nos vamos a empezar a quedar fuera", dixo.

O Comité de Empresa de ENCE en Pontevedra tamén convocou esta mobilización para protestar polos recortes de servizos de limpeza e mantemento e persoal de contrátalas auxiliares e o desmantelamento do Centro Especial de Emprego do Grupo EULEN na portería e báscula de entrada a este centro industrial "con el consecuente despido de sus trabajadoras". 

O secretario do comité de empresa da fábrica, Rubén Fernández, pediu á Dirección da empresa "que reflexione y que se replantee la recolocación de los trabajadores o la recuperación de estos servicios de los que se quiere prescindir", que cifran nunha decena de persoas afectadas.

No caso da portería a automatización destas instalacións levou á empresa para prescindir do persoal humano amortizando estes postos, polo que os traballadores piden que se lles ofreza "unha recolocación con garantías".

RESPOSTA DE ENCE

Segundo comunicou ENCE, "a compañía está a traballar actualmente nun Plan Estratéxico, que inclúe o plan investidor de futuro para a biofábrica de Pontevedra, tal e como coñece a Representación Legal dos Traballadores, tendo en conta que mesmo participaron propoñendo ideas que foron incluídas no citado plan investidor".

Ence prevé poder facer público este Plan Estratéxico a comezos do ano 2024.

Sobre o persoal cuxo posto de traballo estaban a defender cunha protesta os seus compañeiros, a Dirección de Ence sinala que "automatizáronse algúns labores, para as que, por tanto, xa non será preciso contar coa colaboración dalgúns traballadores de empresas auxiliares". Engadindo a continuación que "a compañía está a colaborar activamente no proceso de recolocación das persoas afectadas".