Os despedimentos que aprobou a compañía Ence en Huelva, cidade na que anunciou que pechará a súa fábrica de celulosa, preocupan tamén en Pontevedra. E tamén a redución de persoal nas oficinas centrais de Madrid. O comité de empresa do complexo industrial de Lourizán teme que estes recortes se poidan estender á fábrica pontevedresa. Especialmente pola incerteza sobre o futuro da súa concesión.
Por iso decidiron saír á rúa. Farano o próximo luns 22 de setembro, ás 19.30 horas, cunha concentración diante da Subdelegación do Goberno. Buscan mostrar o seu apoio aos traballadores de Huelva e Madrid, pero tamén para manifestar que non se pode dilatar máis a decisión da continuidade da fábrica de Pontevedra, "pois se non se acometen en breve as inversións necesarias deixarán morrer a factoría e terminaremos como os nosos compañeiros".
En todo caso, o comité de empresa responsabiliza dos despedimentos á "nefasta" xestión dos directivos da empresa e da reforma laboral "posta a disposición dos empresarios para levar a cabo este tipo de medidas traumáticas".
Todo iso é froito, denuncian, da "confabulación goberno-empresarios para facilitar a destrucción do tecido industrial sin mirar máis alá dos intereses económicos en cada momento", e sin valorar a repercusión que terá unha medida como esta na provincia de Huelva, "onde afecta a 300 postos directos e 2500 indirectos e terá un grave impacto nos índices de pobreza da súa comarca".