225 traballadores, directos e indirectos, dependen do futuro de Elnosa, segundo os membros do comité de empresa. Oseu futuro na súa actual localización en Lourizán ten data límite por un protocolo asinado pola Xunta de Galicia con CUF, a entidade portuguesa propietaria.
Non obstante, os representantes do comité de empresa afirmaron este mediodía en rolda de prensa que na entrevista que mantiveron coa conselleira de Medio Ambiente o pasado 21 de abril, Ethel Vázquez lles sinalaba que ese protocolo era "papel mollado". Non obstante, nin a Xunta nin a empresa dan pasos para intentar que Elnosa permaneza na ría pontevedresa, segundo afirmou Avelino García, presidente do comité de empresa da factoría.
Por este motivo, os traballadores teñen programado un calendario de protestas reivindicativas durante a campaña electoral con intención de aparecer nos actos do Partido Popular. "Eles son os que teñen responsabilidade na Xunta" e acusan os diferentes partidos de xogar politicamente cos postos de traballo de Elnosa. Afirman que espallarán estes actos a toda Galicia baixo o lema "Feijóo pecha empresas".
70 traballadores contan con emprego directo en Elnosa (Electro Química do Noroeste) e 80 transportistas traballan exclusivamente para esta empresa, segundo expuxeron na rolda de prensa ofrecida en Comisiones Obreras, que afirmaron que 9.000 cisternas saíron de Elnosa de Lourizán durante 2014. Os representantes do equipo afirman que se senten "discriminados" polo trato que están a recibir por parte da Xunta a diferenza do que sucede con Ence.
En decembro de 2017, a tecnoloxía que se utiliza na empresa baseada no mercurio terá que ser substituída pola denominada "de membrana" segundo a normativa ambiental europea. Dende a Consellería de Medio Ambiente transmitiuse aos traballadores que é necesario que a empresa presente un proxecto en relación co seu futuro. Avelino García sinalou que a dirección do CUF se mantén á espera das decisións que se adopten por parte da administración autonómica. Por este motivo, os traballadores decidiron trasladar as protestas á campaña electoral.