Os terreos necesarios para o edificio xudicial da Parda xa son do Concello, pero falta rexistralos

Pontevedra
04 de abril 2013

As previsións que manexa Legísima falan de que "este mes debería estar inscrito a nome do Concello" e nese momento "xa se poderá acudir á notaría" para que a parcela sexa oficialmente da Xunta. Para que o proxecto non se demore máis "o que se fixo foi un acordo da Xunta de Goberno de posta a disposición"

Proxecto do novo edificio da Parda
Proxecto do novo edificio da Parda

A adquisición por parte do Concello de Pontevedra dos terreos necesarios para a construción do novo edificio xudicial da Parda "está cerrada" e a Xunta de Galicia xa recibiu unha comunicación oficial da posta á súa disposición das parcelas en cuestión para que poida acometer as obras.

O concelleiro de Patrimonio de Pontevedra, Vicente García Legísima, facilitou a información este xoves e indicou que a Administración autonómica xa ten coñecemento desta situación porque "comunicouselle o acordo da Xunta de Goberno de posta a disposición dos terreos". Malia todo, "non recibimos ningún tipo de contestación da Xunta".

Legísima admite que, de todos os xeitos, estes terreos xa son do Concello para poder cedelos á Xunta, pero "seguen pendentes de inscribilos no Rexistro da Propiedade". Xa se enviou a documentación necesaria, pero "está a demorarse un pouco".

As previsións que manexan falan de que "este mes debería estar inscrito a nome do Concello" e "en canto estea inscrito a nome do Concello, xa se poderá acudir á notaría" para que a parcela sexa oficialmente da Xunta. Para que o proxecto non se demore máis por faltar este trámite "agora o que se fixo foi un acordo da Xunta de Goberno de posta a disposición".