Os termómetros superan os 38,5 graos en Pontevedra e enchen as praias das Rías Baixas

Pontevedra
20 de agosto 2017

Este domingo superáronse todas as previsións e a estación que Meteogalicia ten no barrio pontevedrés de Campolongo chegou a rexistrar 38,5 graos de máxima e unha temperatura media de 35. A máxima rexistrada en Lourizán foi de 34,8 graos, a de Poio subiu ata os 37,2 e en Sanxenxo ata os 36  

Praias de Poio e Marín durante a xornada calorosa do domingo 20 de agosto
Praias de Poio e Marín durante a xornada calorosa do domingo 20 de agosto / Diego Torrado

O domingo presentábase caloroso nas Rías Baixas, todas as predicións apuntaban a que se alcanzarían os 36 graos en determinadas zonas e, finalmente, superáronse todas as previsións e a estación que Meteogalicia ten no barrio pontevedrés de Campolongo chegou a rexistrar 38,5 graos

A elevada temperatura, rexistrada entre as 12.00 e as 15.00 horas, contribuíu a baleirar a cidade ao mesmo ritmo que se enchían as praias da contorna, desde Poio a Marín ou Sanxenxo. A imaxe foi xeneralizada en todos os areais da comarca e de Arousa e O Morrazo: colas para chegar, aparcadoiros cheos e pelexas por colocar a toalla. 

Na estación de Campolongo rexistrouse unha temperatura media de 35 graos e unha mínima de 16,6 a primeiras horas da mañá. O récord de máxima de 38,5 graos foi moi superior ao rexistrado por outras estacións como a de Lourizán, tamén en Pontevedra, ou as de Poio e Sanxenxo. Con todo, todas coincidiron en temperaturas medias superiores aos 30 graos. 

A máxima rexistrada en Lourizán foi de 34,8 graos, unha estación na que a mínima foi de 17,4 e a media de 34,5 este domingo. Máis elevadas foron as cifras que alcanzaron os termómetros en Poio. A estación situada no Monte Castrove chegou ata os 37,2 graos de máxima, 20,6 de máxima e 33,2 de media.

En Sanxenxo, a localidade na que máis se encheron as praias durante toda a xornada, a temperatura máxima rexistrada ata as sete da tarde foi de 36 graos, sendo a mínima de 17,4 e a media de 30,5 graos. 

A situación prevese que continúe durante a xornada deste luns, cando se esperan máximas en Pontevedra e a súa comarca de 34 graos. Prevese un descenso das temperaturas para partir do martes, aínda que continuarán as xornadas de calor e ceos despexados. 

As Rías Baixas líbranse da alerta laranxa por altas temperaturas que a Xunta de Galicia activou para este luns 21 de agosto a partir das 14.00 horas. Decretouse no sur de Lugo,a  zona do Miño e o sur de Ourense e a zona do Miño de Pontevedra, onde se esperan ata 40 graos.