Os técnicos inspeccionan as atraccións das festas de Santiaguiño do Burgo

Pontevedra
23 de xullo 2024

Especialistas de Enmacosa Consultoría Técnica inspeccionaron este luns, por encargo do Concello de Pontevedra, as 19 atraccións itinerantes —dúas máis que o ano pasado— instaladas no recinto feiral con motivo da celebración das festas de Santiaguiño do Burgo

Inspección das atraccións das festas de Santiaguiño do Burgo
Inspección das atraccións das festas de Santiaguiño do Burgo /

Especialistas de Enmacosa Consultoría Técnica inspeccionaron este luns as 19 atraccións -dúas máis que o ano pasado- instaladas no recinto feiral con motivo da celebración das festas de Santiaguiño do Burgo.

O Concello da Boa Vila encarga desde hai 22 anos a realización deste tipo de inspeccións, que procuran incrementar as garantías de seguridade para as persoas que utilizan estas instalacións itinerantes. 

Os técnicos seguen un protocolo específico que inclúe a revisión da documentación concreta de cada instalación —seguro de responsabilidade civil e as súas coberturas, libro de operacións, manual técnico ou proxecto...— para corroborar que todo está en orde.

Comproban tamén que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.

Analízanse así mesmo outros requisitos sobre a seguridade do público e da contorna, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os recorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.

Con respecto á estabilidade estrutural, a empresa controla que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización. 

De feito, non se permiten cintos de seguridade desgastados ou que xeren folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, se poidan afrouxar co peso ou o empuxe do usuario. 

Todas as revisións se realizan na súa maior parte mediante unha inspección visual das condicións da montaxe, do estado de conservación da instalación e do mantemento dos materiais, sen entrar a valorar termos relativos ao deseño do aparato, que serían obxecto da correspondente homologación.

O traballo de inspección complétase finalmente cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade. Unha vez en marcha as atraccións, deberán amosar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen especificamente os riscos e no seu caso as limitacións de idade e altura.

Para a execución deste tipo de inspeccións, a compañía conta con equipos multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e  pneumáticas.