O compost que se produce no campus universitario ten unha calidade "elevadísima", segundo acreditan os técnicos. Así o explicou a concelleira de Medio Ambiente, Carme da Silva, que destacou tamén a "sorpresa" que se atoparon ao completarse a súa maduración en apenas tres meses, cando se calculaba "seis ou sete meses" para ese proceso.
Dentro das actividades da Semana da Creatividade, que o campus celebra estes días, incluirase un acto para extraer o primeiro compost dos composteiros comunitarios do campus, que terá lugar o vindeiro xoves 20 de abril.
Da Silva sinalou que a gran calidade deste material, que será reutilizado nas zonas verdes do campus, débese a que non existen trazas de metais pesados e non hai contaminación doutros materiais, o que é "indicativo" da "boa separación en orixe" que se está facendo dos residuos orgánicos.
Ademais, os técnicos tamén destacaron a composición do compost producido, xa que hai unha relación de nitróxeno "moi alta", de ata un 7%, o que aumenta a capacidade de fertilización deste material.
Xunto con todo este proceso, o Concello lembrou que xa está en proceso de contratación os 8.000 composteiros individuais que se repartirán no rural de Pontevedra e tamén se avanza na compra dos módulos comunitarios que se implantarán en diferentes barrios da cidade, como Monte Porreiro ou Campolongo.
Ao mesmo tempo, o goberno municipal tramita a contratación de catro persoas especializadas que serán os encargados de realizar o seguimento de todo o proceso de compostaxe no municipio.
Un deles, que deberá ser do grupo A, será un enxeñeiro, un biólogo ou un químico que teña capacidade para elaborar proxectos. Os outros tres, do grupo C, actuarán como auxiliares técnicos deste coordinador e dos servizos de Medio Ambiente do Concello.