Os taxis serán os únicos que poderán ser 'coche de punto' en Pontevedra

Pontevedra
20 de decembro 2022

A nova ordenanza dos taxis, que o goberno municipal está a elaborar de maneira consensuada co sector, habilitará un réxime especial para que os taxistas poidan ofrecer este servizo compartido, que haberá que reservar e que se cobrará de maneira individual, coma se fora un billete de tren ou autobús. O Concello, pola súa banda bonificará parte do traxecto

Reunión do alcalde con portavoces dos taxistas de Pontevedra
Reunión do alcalde con portavoces dos taxistas de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Pechar o paso a que Uber, Cabify ou calquera outra compañía privada de VTC, poida ofrecer en Pontevedra os seus servizos como 'coche de punto', o transporte a demanda que o Concello pretende implantar para mellorar a conexión entre o rural e o centro urbano.

A nova ordenanza dos taxis, que o goberno municipal está a elaborar de maneira consensuada co sector, habilitará un réxime especial para que os taxistas poidan ofrecer este servizo compartido, que haberá que reservar e que se cobrará de maneira individual, coma se fora un billete de tren ou autobús. O Concello, pola súa banda bonificará parte do traxecto.

Este 'coche de punto' unirá calquera punto do rural con ata doce puntos de atracción da cidade, entre eles centros médicos, estacións de transporte ou edificios administrativos, que se determinarán nos convenios que asinarán ambas as partes.

Será unha modalidade de traballo voluntaria que se ofrecerá aos 88 taxistas que, neste momento, teñen licenza en vigor para operar no municipio de Pontevedra.

O transporte a demanda poderase reservar a través da APP que ultima o Concello, que se presentará polo rural "casa por casa", segundo o alcalde de Pontevedra, para aclarar dúbidas ou ben a través da propia central de reservas dos taxis da cidade.

"Hai tempo que decidimos que a solución do transporte no rural de Pontevedra non pasaba por ver autobuses circulando con unha ou dúas persoas", asegurou Miguel Anxo Fernández Lores, que defendeu este servizo por ser "máis racional e máis económico".

O portavoz da asociación provincial de taxistas, Javier Filgueira, destacou que "é certo que isto é algo pioneiro" e prometeu que achegarán todo o que poidan para que este servizo teña éxito porque "para nós é traballo, e iso é o que nós necesitamos".

Esta fórmula será, en todo caso, será complementaria á principal ou ordinaria do servizo de taxi, que tamén presenta novidades nesta modificación normativa.

Así, recolleranse dúas tarifas diferentes. Por unha banda, a habitual. Poderá ser actualizada en base ao IPC pero, tras a última subida en 2020, non se contempla modificala o próximo ano. Haberá ademais tarifa para destinos fixos, entre eles os aeroportos.

A ordenanza está pendente dun último estudo, o de demanda. O Concello espera poder levala ao pleno ordinario de xaneiro para ser aprobada de maneira inicial. Con respecto ao transporte a demanda, a previsión é que funcione antes do próximo mes de maio.