Conscientes da importancia da formación continua para "avanzar, crecer profesionalmente e adaptarse ás novas evidencias científicas", a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria reuniu este sábado na Cidade da Cultura a máis dun centenar de profesionais sanitarios interesados en actualizar os seus coñecementos e habilidades en diversas patoloxías a través de varios relatorios e talleres.
Unha cita anual que constata o compromiso da entidade por ofrecerlles as ferramentas necesarias para avanzar e crecer profesionalmente, e que se converte en lugar de encontro no que intercambiar opinións sobre a situación que atravesa o sector médico.
Inaugurada pola xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, acompañada polas presidentas da Sociedade de Pediatría de Galicia, Susana Rey, e da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, Amparo Rodríguez Lombardía, xunto á responsable do comité científico, Natalia García, a XVII Reunión de Pediatría de Atención Primaria abordou este ano temas gran interese como a vacinación, a asma, o manexo da dermascopia ou a saúde mental, e serviu para incidir unha vez máis na necesidade do traballo conxunto de administración e pediatras para garantir que os nenos e as súas familias teñan acceso a unha atención de calidade, así como para reivindicar reformas significativas para solucionar a carencia de pediatras e que pasa, por mellorar as súas condicións laborais.
Entre os temas que espertaron máis interese atópase o das novidades e inmunizacións para este ano, das que falou o coordinador do Comité Asesor de Vacinas da AEP, Francisco Álvarez, para quen o calendario de Galicia "é o mellor que hai agora mesmo, non só en Europa, senón no mundo", e que lembrou que por primeira vez o calendario de vacinación inclúe aos grupos de risco que son os nenos con enfermidades crónicas, que precisan máis vacinas que os que están sans. É dicir, inclúe dúas táboas, a das inmunizacións sistemáticas que deben recibir todos os nenos e adolescentes, e a dos grupos de risco con enfermidades inmunoprevenibles.
Ademais, e tamén como novidade as embarazadas cobran protagonismo neste novo calendario cun apartado concreto para protexer a saúde do bebé, aconsellándose a vacinación fronte ao tétanos, a difteria e a tosferina a partir da semana 27 de xestación, a vacinación covid en calquera momento do embarazo e a antigripal se o embarazo coincide coa tempada estacional.
Outro tema que espertou gran interese na reunión foi o que puxo sobre a mesa Pedro Javier Rodríguez, presidente da Sociedade de Psiquiatría Infantil da Asociación Española de Pediatría (SPI-AEP), coa súa conferencia de clausura Ansiedade, depresión, autolesiones e suicidio. Cara onde imos e que podemos facer, xa que ademais dos trastornos psiquiátricos, na conduta suicida tamén existen outros factores de diversa índole (familiares, persoais ou sociais) e os pediatras deben estar formados para atender consultas sobre suicidio e adquirir habilidades para realizar unha entrevista con actitude de apoio e empatía.
Pedro J. Rodríguez explicou que "a situación previa á pandemia xa era complicada para a saúde mental, pero despois dela, coa interrupción abrupta da socialización e a sobreexposición de información e a alarma continua, de entre 12 a 23 anos". Os suicidios e as autolesións multiplicáronse por catro en nenos e mozos desde a pandemia.
Entre os factores de risco ou vulnerabilidade, cita o acoso, as redes sociais, o contexto social, familiar e económico, a incerteza... "Todos foron empeorando e con eles aumentaron as taxas de suicidio entre todos os grupos de idade", explicou este reputado especialista, que tamén afirmou que moitas veces os sinais de conduta non son claras e vanse solapando, polo que se tarda en recoñecer a sintomatoloxía. Os suicidios e as autolesións multiplicáronse por catro en nenos e mozos desde a pandemia
Para el é "fundamental" que se reforcen "os recursos de atención primaria, hospitalaria e de saúde mental da poboación pediátrica", pero tamén "a posta en marcha de plans de prevención e a formación e coordinación entre todos os equipos que interveñen na vida do menor: familia, profesorado, educadores, psicológos, traballadores sociais...".
Ademais, durante a xornada tratouse tamén a asma infantil, a cargo de Francisco Álvarez Caro; a interpretación da función renal, por Adela Urisarri; e o manexo da dermatoscopia en pediatría, con Cristina Carrera, que introduciu aos profesionais sanitarios nos conceptos xerais desta técnica para estudar lesións cutáneas, e que mellora o diagnóstico das lesións potencialmente malignas.