Os sondeos arqueolóxicos previos á reforma de Santa Clara comezarán en xuño

Pontevedra
20 de abril 2022

O paso previo para poder licitar estes traballos, que vai a executar a Deputación con vistas a incorporar o antigo convento ao Museo, foi a realización dun estudo planimétrico de todo este ámbito. Esta planimetría revelou que a parcela total que ocupa Santa Clara e os seus xardíns ten 12.575 metros cadrados

Xaquín Moreda coa ortofoto de Santa Clara
Xaquín Moreda coa ortofoto de Santa Clara / PontevedraViva

En xuño, se se cumpren as previsións, arrancarán os traballos para os sondeos arqueolóxicos previos que se farán no convento de Santa Clara para avanzar no proxecto para a súa rehabilitación. Así o adiantou o edil de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda.

O paso previo para poder licitar estes traballos, que vai a executar a Deputación de Pontevedra con vistas a incorporar o antigo convento ao Museo, foi a realización dun estudo planimétrico de todo este ámbito histórico-artístico, elaborado pola empresa Geomáti-K Ingeniería.

Esta planimetría revelou que a parcela total que ocupa Santa Clara e os seus xardíns ten 12.575 metros cadrados, mentres que só as zonas verdes serían 10.005 metros.

A ocupación en planta do convento, polo tanto, sería 2.570 metros cadrados, aínda que a superficie construída alcanza os 5.602 metros cadrados repartidos en ata tres alturas. O punto máis alto sería o campanario do inmoble, próximo á entrada principal.

A análise en detalle de todo este espazo, que se iniciou o pasado mes de novembro, era necesaria, segundo Moreda, para coñecer a superficie real mercada polo Concello para actualizar a ficha do catastro e corrixir os datos no rexistro da propiedade.

Ademais, eses datos serviron de base para licitar o contrato promovido pola Deputación que permitirá realizar os estudos arqueolóxicos e históricos do convento.

O edil do BNG recoñeceu que Santa Clara "é un edificio complicado" pola súa estrutura, de aí que defendera a importancia de ter "a maior información posible para saber que se pode facer no futuro", pensando concretamente nesa futura rehabilitación.

Debido aos sondeos arqueolóxicos, o Concello suspenderá temporalmente as visitas guiadas a Santa Clara. Só restan por realizar as previstas para as próximas dúas fins de semana. En maio haberá, con todo, xornadas de portas abertas para visitar os xardíns.