O Entroido de Pontevedra xa ten pregoeiros. A incógnita desvelouse. A comparsa Os Solfamidas, unha das agrupacións máis activas da comarca, será a encargada de dar o pregón do entroido pontevedrés, co que comezarán os nove días de festa que encherán de alegría e cor as rúas da cidade.
"Estamos algo asustados", recoñeceu o seu director, Ángel Rodríguez 'Lito', que agradeceu ao Concello ser elixidos como pregoeiros do Entroido. "Queremos dar algo diferente e sorprendente", adiantou. Será o 1 de marzo, ás 21.00 horas, na Ferrería.
A edil de Festas, Carme da Silva, explicou que "é de xustiza" que Os Solfamidas vaian ser os pregoeiros, especialmente tras o incendio que sufriron hai un mes e que destruíu boa parte do seu material de traballo. "Non houbo ningunha dúbida de que había que facerlles unha homenaxe", sinalou.
Ese incidente, segundo 'Lito' Rodríguez, "xa está olvidado" e a comparsa traballa ás alancadas para cumprir coa súa tradición e, un ano máis, participar no entroido. "Chegaremos a tempo seguro", destacou o responsable dos Solfamidas.
Os Solfamidas, unha agrupación con quince anos de historia, conta actualmente cuns 80 membros e, ademais de Pontevedra, participan regularmente en actividades de entroido en municipios como Santiago, Campo Lameiro, Marín, Ourense, Noia e, por primeira vez este ano, Porto do Son. "Sempre buscamos darnos a coñecer noutros sitios", subliñou o seu director.
Da Silva lembrou que con estes pregoeiros o Concello continúa a tendencia iniciada hai uns anos de recoñecer a todas esas agrupacións que dedican "moitos cartos, tempo e esforzo" para contribuír de maneira desinteresada ao éxito do Entroido de Pontevedra e sen os cales esta festa "non sería posible".
O Concello, ademais, comezará a partir deste venres para repartir os 15.000 exemplares que se editaron do programa do Entroido. Poderanse conseguir nas dependencias municipais de Michelena ou na Casa da Luz, entre outros lugares.