Os socorristas de Xiorto e Cabeceira pecharon a tempada estival con máis de 700 intervencións

Poio
25 de setembro 2022

O número de incidencias triplicouse con respecto ao verán anterior e o mes de agosto foi o que rexistrou unha maior actividade, con 406

Socorristas na praia de Cabeceira
Socorristas na praia de Cabeceira / Concello de Poio

Ao longo de toda a temporada estival, os socorristas que prestaron servizo nas praias de Cabeceira (con bandeira azul) e Xiorto atenderon máis de 700 incidencias. Foi desde o 1 de xullo que entrou en funcionamento a vixía ata ben entrado o actual mes de setembro.

Se ben a meirande parte destas intervencións corresponderon a actuacións leves, relacionadas co tratamento de cortes, feridas ou picaduras de insectos, o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Lois, Martínez destaca o "gran traballo e a profesionalidade do equipo de socorristas", nun verán no que "a afluencia de bañistas foi moito maior que noutras tempadas estivais".

Así o constata o informe elaborado polo departamento de Medio Ambiente, no que queda reflectido que neste verán de 2022 estas incidencias practicamente se triplicaron con respecto a 2021.Daquela, atendéranse algo máis de 250.

Como xa é habitual, o mes de agosto foi o que rexistrou unha maior actividade para o equipo de seis socorristas contratados polo Concello de Poio. Foron 406 as actuacións levadas a cabo por estes profesionais, unha cifra moi superior ás 176 de agosto do ano pasado. Este aumento tamén queda constatado se se compara con xullo, cando as incidencias ascenderon a 260.

"Foi un verán no que, a excepción de momentos puntuais, houbo moita calor e altas temperaturas. Se sumamos este feito á recuperación das visitas de turistas unha vez superada a pandemia da covid-19 enténdese mellor este aumento", apuntou o concelleiro de Medio Ambiente.

Durante agosto, Xiorto foi o areal no que se trataron un maior número de incidencias (267, por 139 en Cabeceira). De todas elas, producíronse dous traslados en ambulancia e 12 rescates. As picaduras de insectos foron máis de 60 en total, mentres que os cortes e feridas foron 56 en Cabeceira e 112 en Xiorto.

Xosé Luís Martínez salienta a importancia de contar con este servizo non só en Cabeceira, a praia de Poio que un ano máis acadou a bandeira azul, senón tamén no areal de Xiorto, en Raxó, que tamén recibe habitualmente a un gran número de bañistas.

O titular de Medio Ambiente tamén salientou a implicación dos bañistas en iniciativas como Praias sen Fume, da que formaron parte oito areais do municipio: Xiorto, O Laño, Cabeceira, Covelo, Lourido, Raxó, Area da Barca e Sinás.

Poio foi un dos concellos costeiros de Galicia cun maior número de praias participantes nesta campaña informativa, impulsada pola Xunta co obxectivo promover unha vida sen tabaco e formar unha rede de areais libres do mesmo, poñendo en valor espazos que respecten e coiden o medio ambiente.

Martínez Blanco salienta que Poio atopábase na categoría de plata, ao incluír na iniciativa a máis da metade dos areais habilitados para o baño. “Seguiremos a traballar para continuar incrementando este número”, concluíu o responsable de Medio Ambiente.