Os traballadores do servizo de socorrismo de Sanxenxo, que está activo nos 17 areais con bandeira azul, realizaron durante o mes de xullo 1.138 advertencias por incumprimento da ordenanza de praias.
Así figura no balance de actividade do servizo realizado esta fin de semana polo Concello. En xullo realizaron un total de 6.859 intervencións en praias, 1.150 desde as embarcacións que vixían a costa e 5.709 no areal.
Os avisos a bañistas en situacións de perigo foron os máis numerosos, con 1.452 en total.
Ademais, non faltaron tampouco as tradicionais picaduras de faneca, con 727 casos. O maior número na praia de Silgar (179) seguida de Canelas (166), Montalvo (93), Ou Espiñeiro- A Lanzada (55) ou Areas (42).
Os socorristas tamén axudaron a localizar a 14 persoas perdidas e atenderon 55 picaduras de insectos, 691 feridas de distinto tipo, 56 danos nos ollos e oídos e 13 escordaduras.
No mar, realizáronse 720 avisos por infraccións de embarcacións, retiráronse 42 elementos perigosos para a navegación erealizáronse 3 rescates acuáticos.
Silgar é a praia que concentra o maior número de intervencións, 1.630, seguida de Baltar (951), Canelas (687) e Areas (525). Na Lapa só rexistráronse 4 intervencións e en Area de Agra, 54.
O horario do servizo de socorrismo é de 12 a 20 horas. A praia de Silgar, debido á súa afluencia de público durante o verán, conta cun horario máis amplo, desde as 11:30 ata as 20:30 horas.