Os socorristas que prestan servizo nas diferentes praias de Sanxenxo realizaron durante o mes de xullo un total de 3.058 actuacións, das que, como dato rechamante, atenderon a 507 persoas por picadura de faneca. Os areais de Silgar e Baltar rexistraron 103 picaduras cada unha.
A campaña do servizo de emerxencias realizou actuacións en Areas, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, A Lapa, A Lanzada e en puntos de litoral, neste caso, a través das embarcacións que percorren a costa. Tan só unha das dúas que están operativas tiveron intervencións.
Do total de intervencións atendidas, 789 foron incidencias en zonas de baño, 634 por feridas e as 507 por picadura de fanecas, segundo os datos facilitados este xoves polo Concello de Sanxenxo.
Por praias, a que máis intervencións rexistrou foi Silgar, con 603, principalmente por avisos en zonas de baño, picaduras de faneca e feridas. En Canelas houbo 396 intervencións, principalmente por avisos en zonas de baño e picaduras de faneca, e na Lanzada rexistráronse un total de 315 incidencias.
As praias con menor número de intervencións son Areas (313), Montalvo (312), Baltar (192), Major (169), Pragueira (143), Foxos (110), Paxariñas (109), Bascuas (96), Caneliñas (91) e A Lapa (76).
O Concello contratou este verán a 60 persoas para a vixilancia das praias de Sanxenxo co distintivo de Bandeira Azul: O Espiñeiro-A Lanzada, Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos e Areas Gordas-A Lapa. Ademais, outras praias que non contan con este distintivo, como Areas e Caneliñas, dispoñen do mesmo servizo de vixilancia.