As monxas do Mosteiro de Armenteira atopáronse este venres coa Oficina de Turismo pechada e desmantelada: "leváronse as mesas, cadeiras, o mostrador e ata as estanterías sen que ninguén dixera por que".
Ante esta situación, o Grupo Provincial do PSdG-PSOE instou ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, a dar "explicacións urxentes" posto que se trata "dunha das oficinas máis relevantes da Rede Info Rías Baixas e de xestión directa da propia institución provincial".
Con motivo de este suceso, a portavoz socialista, Ana Laura Iglesias, visitou este sábado o Mosteiro acompañada do deputado Javier Mougán e da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, e manifestou que "resulta indignante que fixeran semellante desfeita con nocturnidade e aleivosía" xa que as monxas, tal e como indicaron os socialistas, fixeron chegar ao goberno provincial a súa intención de renovar o convenio que o Mosteiro ten coa Deputación e nunca tiveron contestación.
Giráldez, pola súa banda, cualificou de "intolerable" a actuación da Deputación ao non comunicar nada ao Concello nin dar explicación "deste peche insólito" dunha oficina "no lugar máis emblemático da comarca, con gran movemento, deixando desasistido ao turismo e ás persoas peregrinas que se achegan á Catedral do Salnés".
Trátase dun feito "incomprensible" e reivindican a súa reapertura "inmediata polo enorme dano que fan á nosa comarca". A alcaldesa mostrou tamén a súa incredulidade polas formas coas que o goberno provincial actuou co desmantelamento "sen avisar a ninguén".
Por ese motivo, os representantes do PSOE esixen ao goberno da Deputación que "explique de forma inmediata" as razóns do ocorrido ademais dunha "desculpa pública por como o fixeron".