Os socialistas reclaman "unanimidade na loita contra este espolio" ante o avance na tramitación dos parques eólicos

Cerdedo-Cotobade
10 de xaneiro 2023

Este luns, 9 de xaneiro, foi publicada a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable desta instalación que afecta principalmente á parroquia de Quireza

Concentración realizada en Forcarei o 11 de decembro de 2022 polo Día das Montañas
Concentración realizada en Forcarei o 11 de decembro de 2022 polo Día das Montañas / PSOE de Cerdedo-Cotobade

O grupo municipal do Partido Socialista en Cerdedo-Cotobade acaba de solicitar este martes que se convoque unha xunta de portavoces ante o avance na tramitación do Parque Eólico de Campo das Rosas.

Este luns, 9 de xaneiro, foi publicada a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable desta instalación que afecta principalmente á parroquia de Quireza. 

Esta é a terceira DIA favorable que sae publicada nos últimos dous meses, Os Cotos publicouse o 25 de novembro afectando as parroquias de Borela, Rebordelo, Carballedo, Viascón, Loureiro e Aguasantas e posteriormente, o día 14 de decembro, saía a DIA favorable de Porto Vidros que afecta principalmente a Pedre e Corredoira. 

A portavoz socialista, Ana Couto, leva pedindo desde a publicación da declaración dos Cotos unha xunta de portavoces "para acordar as actuacións xurídicas e técnicas que se vaian a adoptar e afrontar, desde unha posición de unidade, un problema tan grave como é o dos eólicos no noso concello".

Ana Couto lamentou que a súa petición, que vén reiterando con cada nova publicación, "sempre obtén a calada por resposta por parte da Alcaldía".

"Chama a atención que cando antes sempre se contaba coa oposición para demostrar unanimidade na loita contra este espolio, presumindo de ser a única corporación municipal que o facía, agora, coincidindo co preámbulo do ano electoral, o alcalde faga caso omiso das peticións do PSOE municipal e decida reunirse con algúns dos colectivos involucrados en solitario, querendo liderar a loita para a galería", afirmou a portavoz socialista.

"Queremos lembrar que este non é o momento para colgarse medallas sobre quen lidera a loita contra os eólicos, senón que o importante é unir forzas para evitar que se enterre o noso concello baixo a propagación dos parques eólicos e as súas infraestruturas", concluíu.

 

Arquivado en