O grupo municipal do PSdeG-PSOE deu traslado ao goberno local "das queixas e a preocupación existente entre numerosos veciños e veciñas de Combarro", debido ao mal estado que presentan os camiños da Torre e Fonteiriña.
Aseguran os socialistas que a súa falta de acondicionamento e limpeza repercute na seguridade dos peóns, e que ha houbo unha caída no caso do Camiño da Torre.
Engaden que nesa vía, a falta de acondicionamento "facilita a aparición de verdello, o que provoca esvaróns nos e nas viandantes".
O principal grupo da oposición alerta de que esta situación "non é puntual" e xa foi motivo de queixa por parte da veciñanza en varias ocasións nos últimos meses, "sen que o Concello tomase medida algunha".
Con respecto ao Camiño Fonteiriña, no lugar de Casalvito, o seu mal estado provoca que se rexistren asolagamentos de auga, así como lameiras e fochancas, en épocas de moita chuvia.
O PSOE sinala que os arranxos destes camiños "non requiren de grandes investimentos" e pídenlle ao Concello que actúe.