O grupo socialista presentou no rexistro da Cámara Alta unha batería de preguntas ao Goberno dirixidas ao Ministerio do Interior nas que solicita que aclare cales son os plans reais da Administración respecto ao Servizo Marítimo (Sermar) da Garda Civil do Mar na provincia de Pontevedra que, "dende principio do mes de febreiro, está a ser sometido a unha serie de decisións que parece apuntar ao seu futuro desmantelamento".
O PSOE pide ao Ministerio do Interior que explique se detrás de decisións como o cambio de horarios nas quendas ou a adecuación das funcións dos gardas civís, está a posibilidade de que se desmantele o Servizo Marítimo, "despois de 17 anos de brillante funcionamento", e a súa substitución total ou parcial polo SIVE, o Sistema Integrado de Vixilancia Exterior, cuxo funcionamento depende de cámaras e radares implantados dende o ano 2013 e "sobre o que existen numerosas dúbidas da súa efectividade".
O Partido Socialista destaca que as novas ordes que reciben os axentes de centrar esforzos na vixilancia do furtivismo en detrimento das súas accións, ata agora habituais, como o control sobre o narcotráfico, "son outro dos motivos que fan presupoñer a intención do Ministerio de Interior de vixiar a costa co novo sistema SIVE".