Unha das primeiras propostas que o PSdeG-PSOE presentará no Parlamento galego na lexislatura que acaba de comezar será a petición para que a Xunta constrúa un teito para a pista polideportiva do colexio de Ponte Sampaio, para que poida ser usado como patio cuberto.
A deputada Paloma Castro dirixirase en pregunta oral ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para pedirlle que atenda ás demandas da comunidade educativa de Ponte Sampaio, "que vén reclamando dende hai tempo a necesidade de ter este espazo cuberto".
A intención é que, nos días de choiva, teñan un lugar destinado á práctica da actividade física por parte do alumnado.
Castro advirte que diante da falta de reposta da Xunta o colexio tivo que habilitar unha aula na planta baixa engadindo espaldeiras e cestas nas paredes.
O espazo habilitado polo centro "resulta a todas luces insuficiente" e ten que ser empregado a maiores como comedor á hora do almorzo e a mediodía e como espazo de recreo cando chove.
A socialista alerta de que a aula non pode ter esta multifunción, xa que "non reúne as características axeitadas" para unha instalación deportiva e reclámalle á Xunta que garanta un espazo acaído para o alumnado do centro.
Así, sinala que o espazo máis axeitado a nivel técnico e administrativo é o que ocupa a actual pista polideportiva exterior, mediante a construción dunha cobertura para que poida servir para a práctica de actividades deportivas e como patio cuberto de recreo nos días de choiva.