Os socialistas queren saber a posición do Concello de Pontevedra sobre os usos do Pazo de Lourizán

Pontevedra
09 de febreiro 2017

O grupo municipal do PSdeG-PSOE vén de presentar unha moción para que o Concello inste á Deputación a manter o uso publico do Pazo de Lourizán e impedir a posibilidade de que sexa utilizado por Ence con fins privados

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán / Juan Mejuto

O grupo municipal do PSdeG-PSOE vén de presentar unha moción para que o Concello inste á Deputación a manter o uso publico do Pazo de Lourizán e impedir a posibilidade de que sexa utilizado por Ence con fins privados.

Tino Fernández, portavoz do PSOE no concello de Pontevedra dixo que "hai silencios difíciles de comprender. Que o alcalde da cidade estea calado ante a posibilidade de que Xunta e Deputación pacten un posible uso futuro por parte de Ence das instalacións do Pazo de Lourizán é para estar intranquilo".

O Pazo de Lourizán, propiedade da Deputación, ven sendo utilizado pola Xunta de Galicia mediante un convenio que remata no ano 2021. O executivo galego acaba de poñer sobre a mesa a posibilidade de que Ence financie as obras necesarias a cambio do seu uso con fins privados.

"Aos socialistas esta opción nos parece inaceptable. O pazo debe seguir a ter un uso absolutamente público", sinalou Fernández.

Ante a próxima reunión prevista para o 13 de febreiro entre a presidenta da Deputación e o vicepresidente da Xunta para falar do futuro do pazo, o PSOE local entende que "o alcalde da cidade debe trasladar o interese municipal polo mantemento do conxunto como espazo público a todos os niveis".

A preocupación xurde tras unhas declaracións do vicepresidente da Deputación e concelleiro do BNG no Concello de Pontevedra nas que manifesta que a administración provincial non porá problemas á Xunta para que ceda a ENCE o Pazo de Lourizán.

"Son unhas declaracións fora de lugar porque o vicepresidente non ostenta as competencias en materia de Patrimonio. Ao noso xuízo extralimítase cando as fai", din nun comunicado os socialistas pontevedreses.

"O goberno do BNG vive na desorganización. Non se entende moi ben opoñerse á compra de vontades da empresa a través das supostas axudas a entidades sociais e ao mesmo tempo aceptar que poida usar un espazo público con fins empresariais. É unha clara contradición que esperamos que sexa aclarada polo alcalde", reza o escrito.