Os socialistas preguntan no Parlamento se o novo edificio xudicial da Parda estará en 2016

Pontevedra
31 de marzo 2014

O grupo parlamentario do PSdeG-PSOE quere saber que proxectos e prazos manexa a Xunta de Galicia en relación co novo edificio xudicial de Pontevedra, que se situará ao lado da actual sede na Parda. Os deputados piden unha resposta oral sobre aspectos como "cando vai licitar o Goberno galego as obras do novo edificio"

Debuxo do proxecto do novo edificio da Parda
Debuxo do proxecto do novo edificio da Parda

O grupo parlamentario do PSdeG-PSOE queren saber que proxectos e prazos manexa a Xunta de Galicia en relación co novo edificio xudicial de Pontevedra, que se ubicará ao carón da actual sede na Parda. Os socialistas veñen de presentar unha pregunta na que indagan sobre se o Goberno galego considera que a infraestrutura estará en servizo antes do remate de 2016.

Os deputados, entre os que se atopa a pontevedresa Patricia Vilán, piden unha resposta oral na comisión de Administración Xeral, Xustiza e Interior sobre aspectos como "cando vai licitar o Goberno galego as obras do novo edificio".

Outras das cuestións sobre as que piden resposta son para cando vai presentar a Xunta de Galicia o proxecto básico e de execución do edificio, a canto ascendeu o proxecto arquitectónico do edificio xa realizado ou cales foron os motivos para que o Goberno galego consignara 10 millóns de euros para o edificio no Orzamento de 2013 e só 2,5 en 2014, pese a ter medio millón de euros pendente de executar do exercicio anterior. 

Na documentación remitida ao Parlamento, os socialistas recordan que en abril de 2013, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aseguraba que o proxecto construtivo para o novo edificio xudicial estaba practicamente ultimado e que no mes de maio daquel ano estaría.

Aqueles prazos quedaban supeditados a que o Concello de Pontevedra puxese a disposición da Xunta os terreos necesarios para o novo edificio e, segundo recordan os socialistas, en novembro de 2013 o propio Rueda, agradecía a colaboración do Goberno local pontevedrés.