Tras coñecer que Ence reducirá o seu investimento en Pontevedra dos 173 millóns previstos aos 124 que comunicou á CNMV, os socialistas preguntarán á Xunta se este "cambio de plans" da empresa pasteira terá "repercusións" na prórroga concedida polo Goberno para a súa permanencia en Lourizán.
A deputada Patricia Vilán rexistrou varias preguntas para cuestionar ao goberno galego sobre este asunto, xa que lembra que a "prórroga salvaxe" que recibiu Ence, por parte dun Goberno en funcións e coa "complicidade" do executivo de Núñez Feijóo, estaba "xustificada" por uns supostos investimentos na cidade.
Así, aos 49 millóns menos de investimentos na fábrica de Pontevedra, Vilán engade o atraso da planta de biomasa, ao optar a empresa por priorizar a de Huelva, cuxa construción está cifrada en 74 millóns de euros.
"Parece que non lles dá tempo pero iso non llo contaron ao Goberno cando pediron e xustificaron unha prórroga que xa teñen na man para sesenta anos máis", apunta a deputada do PSdeG-PSOE.
Ademais, os socialistas esixen coñecer se o goberno galego coñece os motivos desta decisión da empresa pasteira e, se é así, "con canto tempo de antelación" comunicoulle Ence á Xunta este cambio no seu plan estratéxico.