Os socialistas pontevedreses presumen de integración e feminismo nunha nova executiva liderada por David Regades

Pontevedra
12 de febreiro 2022

Ten unha presenza destacada Paloma Castro, que renunciou a competir contra Regades e agora pasa a ocupar a Secretaría de Política Institucional. Da agrupación local de Pontevedra tamén están José Manuel Valcárcel, Yoya Blanco, Maica Larriba e Amadeo Cuiñas

Congreso provincial do PSdeG-PSOE en Vigo
Congreso provincial do PSdeG-PSOE en Vigo / PSdeG-PSOE de Pontevedra

O PSOE pontevedrés abre este sábado unha nova etapa marcada pola integración. Despois de que a pontevedresa Paloma Castro decidise non presentarse ás Primarias do partido a nivel provincial e sumar a súa candidatura á liderada polo vigués David Regades, esta fin de semana celebrouse o cuarto congreso provincial do partido e, como resultado, saíu unha nova executiva de integración, feminista e con representación de todas as comarcas da provincia. 

O partido celebrou este cuarto congreso provincial no Pazo de Congresos Mar de Vigo e elixiu unha nova Comisión Executiva provincial integrada por 55 persoas e que seguirá liderando Regades, o primeiro secretario xeral que repite dende que existe o mecanismo orgánico das Primarias.

Nestes novos órganos ten unha presenza destacada Paloma Castro, que renunciou a competir contra Regades e agora pasa a ocupar a Secretaría de Política Institucional.

Esta nova executiva ten 23 novas incorporacións, mentres que continúan 32 nomes presentes ata agora. Entre os que continúan en postos destacados están a silledense Paula Fernández como vicesecretaria xeral de Política; Manel Vázquez, da Illa de Arousa, como vicesecretario xeral de Acción Electoral, e o cañicense Luis Piña como secretario de Organización.

En canto á presenza da agrupación local de Pontevedra, ademais de Castro, están José Manuel Valcárcel na Secretaría de Política Municipal; Yoya Blanco na Secretaría de Promoción Económica; Maica Larriba na secretaría de Cultura; e Amadeo Cuiñas na Secretaría de Seguridade e Emerxencia.

A presenza da agrupación pontevedresa tamén chega da man de Agustín Fernández, integrante designado polo Congreso para o Comité Federal, que recibiu un 88% de votos favorables.

Ademais, na nova Executiva hai unha ampla representación da comarca do Salnés, con Marta Giráldez, de Meis, que ocupa a Secretaría de Igualdade; José Antonio Cacabelos (O Grove), na Secretaría de Política Autonómica; Paola María (Vilagarcía), na Secretaría de Infraestruturas e Mobilidade; Hugo Andrade (Sanxenxo), na Secretaría de Dinamización das Agrupacións Locais; Tania García (Vilagarcía), na Secretaría de Política Social; Ainhoa Fervenza (Sanxenxo), na Secretaría de Turismo; María José Vales (Vilanova), na Secretaría de Confradías e Marisqueo; Catalina Oubiña (Vilagarcía), na Secretaría de Cooperación ó Desenvolvemento; Icía García (Meaño), na Secretaría de Política Territorial; Fátima Abal (Cambados), na Secretaría de Transparencia e Rexeneración Democrática; e Gabriel González (Vilagarcía), na Secretaría Executiva; 

Pola comarca de Umia están Manuel González (Caldas), na Secretaría de Coordinación Territorial; Xoel Souto (Moraña), na Secretaría de Deportes

Da comarca de Pontevedra tamén están Gregorio Agís (Poio), na Secretaría de Desenvolvemento Urbano; Manuel Pazos (Marín), na Secretaría de Medio Ambiente; Lorena Durán (Cerdedo-Cotobade), na Secretaría de Economía Circular; María Luz Santiago (Marín), na Secretaría de Diversidade; José Sanmartín (Barro), na Secretaría de Emprendemento e Comercio; e Manoel Loureiro (Cerdedo-Cotobade), na Secretaría de Estudos e Programas.

A nova Comisión Executiva foi apoiada polo 93% dos votos emitidos no Congreso, en tanto que os 150 integrantes do Comité Provincial (sobre un total de 300, no que a outra metade será designada polas agrupacións locais) recibiu un 95% de apoios.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, estivo presente no congreso e defendeu un PSdeG "útil” fronte aqueles que "poñen paus nas rodas do progreso", ademais de proclamar que "a única forma de que a xustiza social e a igualdade avancen é da man do PSOE".

O reelixido secretario xeral de Pontevedra asume o seu segundo mandato ao fronte da organización socialista de Pontevedra co obxectivo de empoderar á militancia para consolidar as maiorías absolutas municipais, gañar novas Alcaldías e afrontar novos retos como a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra e recuperar o goberno da Xunta para o PSdeG-PSOE . 

Ao congreso provincial asistiron en Vigo un total de 500 persoas entre delegados e invitados, entre os que estaban o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero; a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e Valentín González Formoso, así como os secretarios xerais das catro provincias galegas, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

David Regades tivo palabras de agradecemento para os 2.700 militantes socialistas de Pontevedra representados na Executiva provincial que sae do Congreso da unidade, un factor que fortalece ao partido e evidencia a democracia interna da formación socialista.  

Na súa intervención, esixiu que cesen os ataques do Partido Popular ás mulleres do Partido Socialista que ostentan responsabilidades no mundo local e citou expresamente á ex alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; a falecida alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e tamén á presidenta da Deputación, Carmela Silva.

O secretario xeral dos socialistas pontevedreses puxo como exemplo de xestión democrática e transparencia a Deputación de Pontevedra.