Os socialistas levan ao Parlamento as "ineficiencias" da Xunta respecto do gromo de Mallorca

Pontevedra
30 de xuño 2021

Julio Torrado reclámalle á Xunta "algo máis que alertar fronte aos botellóns" e alerta de que a "incerteza" fronte a estes casos "trasládase ao conxunto da cidadanía, que non ten a posibilidade de saber canto de controlada está a situación"

Comparecencia de Alberto Núñez Feijóo no Parlamento de Galicia
Comparecencia de Alberto Núñez Feijóo no Parlamento de Galicia / Xunta de Galicia

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de presentar unha serie de preguntas parlamentarias nas que alerta das "ineficiencias" na información trasladada polas autoridades sanitarias galegas respecto do gromo de Mallorca. 

Reclámalle á Xunta que "fagan algo máis que alertar fronte aos botellóns" e sinala que a "incerteza" sobre a súa actuación "trasládase ao conxunto da cidadanía, que non ten posibilidade de saber canto de controlada está a situación".

O parlamentario socialista apunta que esta situación demostra "a necesidade de estar alerta sobre posibles gromos e repuntes", de forma que "permitan unhas medidas de resposta rápida, coordinada, controlada e que permita illar o máximo posible o aumento da incidencia".

Ademais, reclámalle ao Executivo autonómico que explique se "considera que o control da situación permite asegurar que o gromo está illado e a súa expansión baixo vixilancia".

Para iso, subliña, é "imprescindible o nivel de información axeitado á poboación onde estes repuntes poden ser máis notorios". Torrado requírelle ao goberno galego para que explique no Parlamento o nivel de información e de medidas de control e confinamento están a ser transmitidas derivadas das viaxes de estudantes a Mallorca.