Os socialistas levan á Xunta Electoral o "acoso" aos seus candidatos e os "escraches" contra os seus carteis

Pontevedra
15 de abril 2019

Segundo Tino Fernández estes actos "atentan claramente contra a liberdade de expresión" e "poderían ser constitutivos de delicto"

Pintadas nos carteis electorais do PSOE
Pintadas nos carteis electorais do PSOE / PSOE de Pontevedra

O Partido Socialista anunciou que levará á Xunta Electoral o "acoso" aos seus candidatos e os "escraches" contra os seus carteis. 

A entrada da sede da Agrupación Municipal, ubicada na rúa Irmáns Nodales, amenceu este luns cunha pintada de cor verde en plena estrada cunha frecha cara a sede e a mensaxe "De obreros poco". Os responsables tamén introduciron por debaixo da porta diversos pasquíns con proclamas en contra do partido, "idénticas ás que os dirixentes sindicais portan durante as protestas públicas".

Segundo denuncia o voceiro do grupo municipal e candidato á Alcaldía, Tino Fernández, este "lamentable episodio" forma parte dunha "escalada de escraches" que o seu partido está a padecer en Pontevedra dende que o sindicato CC OO cometeu "a absoluta irresponsabilidade de poñer o punto de mira das iras dos traballadores no PSOE municipal". 

"Á marxe da publicidade que teñen financiado para cubrir os muros da cidade e irrumpir na campaña electoral", os socialistas constatan que "os membros da organización sindical e algúns traballadores de Ence" estanse a adicar a "vandalizar" os seus carteis "en espazos e paneis que están reservados ‘ex profeso’ para a campaña e que, polo tanto, pertencen aos partidos políticos para transmitirlles as súas mensaxes aos cidadáns".

Segundo Tino Fernández estes actos "atentan claramente contra a liberdade de expresión" e "poderían ser constitutivos de delicto". Por este motivo, os socialistas levarán o asunto ante a Xunta Electoral para que determine se estas accións vandálicas supoñen unha infracción.

"Xa advertimos hai unhas semanas que isto ía acontecer", dixo Tino Fernández. "Comisións Obreiras obcecouse co PSOE e, unha vez máis, está a instrumentalizar a unha parte dos traballadores para tentar acosar e amedrentar aos nosos candidatos e votantes. Traspasaron a liña vermella", advirte Fernández.

MAN TENDIDA

O candidato socialista á Alcaldía insiste en que o PSOE "xamais mudou de postura" en relación a Ence, xa que "sempre apostamos polo traslado. Queremos que a factoría continúe xerando riqueza e traballo na nosa comarca, pero non no actual emprazamento". 

"Resulta paradóxico que a empresa diga que se pode trasladar a outro país, pero que, sen embargo, non o poida facer a outros terreos dentro da nosa comarca. A Portugal coido que o teñen complicado, xa que as leis actuais non lle son demasiado favorables ao eucalipto", dixo o portavoz socialista.

En todo caso, Tino Fernández volve tenderlle a man á empresa para "que amose o moito que lle importan os seus traballadores de Pontevedra e contribúa a buscar unha solución a través dunha mesa de negociación cos diferentes actores implicados".

 

Arquivado en