Os socialistas esixen que o futuro aparcamento do Gran Montecelo sexa gratuíto

Pontevedra
11 de abril 2018

O PSdeG-PSOE rexeita para o Gran Montecelo o modelo do Álvaro Cunqueiro de Vigo, tamén nos aparcamentos. Así o asegurou o seu portavoz en Pontevedra, Agustín Fernández. Presentará unha moción no pleno para instar ao alcalde a que "tome a iniciativa" e esixa que o futuro aparcamento sexa gratuíto

Coches aparcados nas inmediacións de Montecelo
Coches aparcados nas inmediacións de Montecelo / Mónica Patxot

O PSdeG-PSOE rexeita para o Gran Montecelo o modelo do Álvaro Cunqueiro de Vigo, tamén nos aparcamentos. Así o asegurou o seu portavoz en Pontevedra, Agustín Fernández. Presentará unha moción no pleno para instar ao alcalde a que "tome a iniciativa" e esixa que o futuro aparcamento sexa gratuíto.

A incerteza sobre esta cuestión é, segundo Fernández, unha das "consecuencias" de que o Sergas e o Concello asinaran un convenio "de xeito apresurado" e por "motivos electorais".

O feito de que na presentación do proxecto "non houbera un desmentido" sobre o futuro carácter do aparcadoiro "fai pensar que as previsións do goberno de Núñez Feijóo é que o aparcamento teña unha explotación privada e polo tanto haxa que pagar por estacionar", di o voceiro socialista.

Todo o que rodea a ampliación de Montecelo "é un sufrimento", di o líder dos socialistas de Pontevedra. "Primeiro paralizaron a obra durante anos porque buscaban facer negocio coa sanidade. Cando viron que non ían a poder, atrévense a vendernos a obra como un gran acontecemento cando se lles debería caer a cara de vergonza", asegurou.

Os socialistas reprochan ademais ao alcalde o seu "descoñecemento" e a súa "pasividade" ante este tema. "Fíxose o enfadado un momentiño e aí parece que quedou a cousa", lamenta Agustín Fernández, para quen resulta "preocupante" que Fernández Lores "non soubera o que se ía a presentar".

Ante esta "pasividade", Fernández entende necesaria unha reacción por parte do goberno municipal "e que esixan non só explicacións senón tamén garantías de que o aparcamento vai a ser gratuíto".

Arquivado en