Os socialistas e os veciños anti fusión lamentan a ausencia de informes técnicos que avalen o proceso

Cerdedo-Cotobade
31 de marzo 2016
Actualizado: 21:17

Os opositores á fusión entre Cerdedo e Cotobade intensificaron a súa actividade nas últimas horas. Por unha banda, os socialistas de ambos os municipios -xunto cos da Estrada- reiteran a necesidade de que esta unión sexa avalada por informes técnicos; mentres que os membros da plataforma veciñal contraria a esta fusión mantivo un encontro co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela

Miembros da plataforma "Non á fusión Cerdedo-Cotobade"
Miembros da plataforma "Non á fusión Cerdedo-Cotobade" / PontevedraViva

Os opositores á fusión entre Cerdedo e Cotobade intensificaron a súa actividade nas últimas horas. Por unha banda, os socialistas de ambos os municipios -xunto cos da Estrada- reiteran a necesidade de que esta unión sexa avalada por informes técnicos; mentres que os membros da plataforma veciñal contraria a esta fusión mantivo un encontro co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela.

Os socialistas de ambos os concellos anunciaron que buscarán informes de carácter económico e social ante a "falta de respostas" da Xunta sobre este tema.

Así, reuniranse a próxima semana co deputado do PSdeG-PSOE Abel Losada para analizar os efectos socioeconómicos desta fusión e "saber a verdade sobre o que lle espera aos veciños e veciñas de Cerdedo e Cotobade coa manobra política que se pretende levar a cabo" dunha forma "vergoñosa", insisten Xoel Vázquez e Lina Garrido, que trata de "tapar o escurantismo" co que actuaron os dous alcaldes.

Nesta mesma liña maniféstanse os membros da plataforma veciñal que tamén se opón a esta fusión, que se reuniron este xoves con Jorge Cubela.

Pero tras este encontro, a pesar de desenvolverse nun bo clima entre ambas as partes, a plataforma asegurou ter "máis inquietudes que coas que entramos", xa que entenden que non hai "ningún argumento sólido" para que se complete a fusión.

Ante a "falta de sentido" desta fusión, os veciños aseguran que non recibiron resposta sobre temas de "vital importancia" como a prestación de servizos, orzamentos, gastos de persoal, impostos, equipamentos ou informes de viabilidade, dúbidas que o alcalde, sinalan nun comunicado "non soubo responder".

Ademais, denuncian que o informe da USC sobre a fusión "non é independente", xa que foi redactado por un antigo profesor de Jorge Cubela, un profesional que adoita colaborar co Concello de Cotobade en diferentes actividades educativas.

RESPOSTA DO ALCALDE

Pero fronte a esta visión, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, reiterou a "absoluta lexitimidade" do proxecto de fusión municipal e sinalou que o seu concello "non vai quedar sentado agardando a que nos obriguen a fusionarnos ou a pechar servizos públicos" ante o declive demográfico e o risco de maiores problemas económicos.

Aínda que matizou que "aínda hai que ver se chega a bo porto", Cubela defendeu a fusión para dous concellos "ben vertebrados pola N-541, que garanten por moitos anos superar a barreira dos 5.000 habitantes, que teñen bos servizos e poden garantilos así, que manexarán moitos máis recursos económicos e que contan cunha xeografía e socioeconomía común".

A lexitimidade tena, insistiu, polo "respaldo social" que obtiveron ambos alcaldes nas últimas eleccións municipais "para que dirixamos o destino do Concello e tentemos incrementar a calidade de vida dos cidadáns e os servizos".

Para resumir o encontro, o alcalde cualificouno de "cordial, pero, como se prevía, sen ningún acordo". Ao respecto, comentou que o goberno está pola labor de estudar a opción de fusión con Cerdedo e que, ata o momento, percibe moitas máis vantaxes que inconvintes, mentres que os membros da plataforma "rexeitan o proxecto dende o primeiro momento sen conceder sequera a posibilidade de analizalo con calma".