Os socialistas denuncian que "a Xunta de Feijóo" ten máis de mil sanitarios menos que con Touriño

Barro
18 de xuño 2020

O voceiro da área de Sanidade do PSdeG-PSOE, Julio Torrado, denunciou que a sanidade galega "conta hoxe con máis de 1.000 profesionais menos" que no último ano do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño. Ademais, o gasto en Atención Primaria reduciuse a un ritmo medio de 150 millóns de euros ao ano

A candidatura socialista no centro de saúde de Barro
A candidatura socialista no centro de saúde de Barro /

O voceiro da área de Sanidade do PSdeG-PSOE e candidato pola provincia de Pontevedra ás próximas eleccións autonómicas, Julio Torrado, denunciou este xoves nunha visita a Barro os recortes que sufriu a sanidade galega con respecto ao último ano do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño.

"A Xunta de Feijóo remata a lexislatura con máis de mil sanitarios menos que con Touriño", insistiu. Ademais, o gasto en Atención Primaria reduciuse, segundo Torrado, a un ritmo medio de 150 millóns de euros ao ano.

O balanzo fíxose durante unha visita de membros da candidatura socialista ao centro de saúde de San Antoniño, en Barro, en compañía do voceiro municipal e secretario xeral local José Sanmartín. Na visita participaron tamén a candidata Paloma Castro e o candidato Rafael Cotelo.

Torrado, que aproveitou o acto para visitar ao persoal e usuarios do centro de saúde, destacou que Barro "é o exemplo da sanidade pública que Galicia padece co Partido Popular dos recortes" e avogou por un "cambio de modelo".

Na súa opinión, a Atención Primaria é "a mancha principal de Feijóo dentro dun escenario de grave deterioro neste servizo público ao longo dos seus 11 anos de goberno". 

Segundo asegurou hai esperas nos centros de saúde "absolutamente desproporcionadas que antes non había" e engadiu que "non se cobren as baixas do persoal con substitucións e, ademais, xurdiu o grave problema da falta de pediatras". "A resposta da Xunta a estes problemas é negalos", dixo.

José Sanmartín destacou que o centro de saúde de Barro carece de pediatra "e non hai perspectivas de que vaia recuperar esta especialidade". 

"Está completamente obsoleto e, máis que mellorado, debería ser substituído canto antes por un novo", explicou. Sanmartín tamén sinalou que polas portas non pasa unha cadeira de rodas e nin sequera hai aseos adaptados para as persoas con discapacidade, e ata hai ben pouco, engadiu, o único aseo estaba ocupado por estantes con medicamentos.

"Pedímoslle moitísimas veces á Xunta unha reparación urxente, pero non houbo resposta, así que agardemos que co cambio de goberno que se vai producir o próximo 12 de xullo poidamos, por fin, ver resolto este problema", concluíu.