Os socialistas denuncian ante Fiscalía ao edil do PP que chamou "mala zorra" a Carmela Silva

Pontevedra
03 de febreiro 2016

O Secretario xeral do Partido Socialista de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez, compareceu na escalinata principal da Deputación para anunciar "a partir de hoxe a ruptura total de relacións tanto institucionais como políticas co Partido Popular"

Santos Héctor e Carmela Silva
Santos Héctor e Carmela Silva / PontevedraViva

O Secretario xeral do Partido Socialista de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez, anunciou que o PSdeG vai denunciar ante a Fiscalía os insultos proferidos polo tenente de alcaldesa de Moraña por insultar á presidenta da Deputación de Pontevedra nas redes sociais chamándoa "mala zorra y sinvergüenza". O Secretario xeral dos socialistas pontevedreses precisou que esta medida tómase polas "expresións cargadas de violencia machista contra as mulleres" proferidas polo edil do PP de Moraña.

Santos Héctor entende que "é máis intolerable, se cabe, que o faga un representante de veciños e veciñas de Moraña", en referencia ao dobre crime rexistrado o 31 de xullo do pasado ano neste municipio onde David Oubel asasinou supostamente cunha serra radial ás súas dúas fillas de só 4 e 9 anos.

Santos Héctor tambén esixiu o cesamento do tenente de alcaldesa do Partido Popular en Moraña, Jorge Caldas.

O responsable socialista compareceu na escalinata principal da Deputación para anunciar "a partir de hoxe a ruptura total de relacións tanto institucionais como políticas co Partido Popular".

Ademais deu un ultimátum ao Presidente do Partido Popular en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reclamándolle que "ten ata este mediodía para cesar e dar de baixa no Partido Popular ao tenente de alcaldesa de Moraña".

Santos Héctor advertiu de que "se o señor Feijoo non o fai así é cómplice destas expresións cargadas de violencia machista".

E tamén reclamou ao líder dos populares galegos que "esixa" á alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, tamén do PP, as "responsabilidades" por "xustificar e animar a un acto de violencia verbal". En concreto, segundo teñen confirmado nunha captura de pantalla, a alcaldesa deulle un "gústame" ao comentario feito polo edil Jorge Caldas en Facebook referido á presidenta da Deputación.

A denuncia pública deste feito fixérona desde o BNG de Moraña. Nun comunicado asinado polos edís Marcos Suárez e Eva Villaverde, informaban que o pasado venres, despois do pleno provincial que foi suspendido mentres se trataba a falta de apoio económico ao rally Rías Baixas, Jorge Caldas respondeu a uns comentarios "totalmente denigrantes e peyorativos" por parte dun "simpatizante do PP".

Este mércores, desde o PSOE instaron ao Partido Popular a que "non se consinta ningún tipo de violencia machista, nin tan sequera verbal". Santos Héctor insistiu en que "todos temos que comprometernos co traballo para eliminar a lacra que están a sufrir as mulleres neste país".

Santos Héctor precisou que fala en nome do partido e do grupo provincial do PSOE na Deputación e sinalou que a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, fará declaracións respecto diso no transcurso da inauguración da exposición "Mulleres en acción. Violencia cero".

FEIJÓO PIDE DESCULPAS

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu este mércores desculpas "como presidente do partido" polos comentarios machistas feitos polo concelleiro do PP de Moraña. Preguntado Feijóo nun acto en Santiago por se este concelleiro pode permanecer no cargo tras estes insultos, o presidente galego dixo que "debe inmediatamente desculparse e pedir desculpas moi serias porque iso non é admisible en ningún tipo de democracia".

"E eu pido desculpas como presidente do partido", salientou.

Arquivado en