O PSdeG-PSOE de Marín quere promover un debate no próximo pleno da corporación sobre a recente onda de incendios. Busca o apoio do resto de grupos con representación en Marín para instar á Xunta de Galicia a que no próximos seis meses aprobe iniciativas lexislativas para a promoción dunha política forestal que permita a conservación protección e valoración dos montes e bosques de Galicia que sexan elaboradas, pactadas e consensuadas cos municipios e as deputacións, e co asesoramento da comunidade científica.
A proposta tamén pasa por instar á Xunta de Galicia a que introduza no currículo educativo dos escolares galegos de todos os niveis o ensino en valores de respecto ao medio ambiente, a protección e valorización de montes e bosques e a elaborar proxectos formativos e de concienciación para contribuír a que a sociedade galega poida valorar, respectar e coidar do patrimonio cultural e ambiental.
A moción do PSOE tamén pretende instar a Xunta de Galicia a elaborar un protocolo xunto a concellos, deputacións e técnicos ambientais para as actuacións ante os lumes forestais que garanta unha maior coordinación e atención temperá nos lumes e pedir aos gobeiernos estatal e autonómico que establezan de maneira inmediata as axudas necesarias para recuperar a riqueza forestal dos bosques e montes galegos e o patrimonio que perderon os veciños e veciñas de toda Galicia.
Os socialistas lembran que o impacto ambiental nos montes da provincia de Pontevedra é moi alto e ten un alto custo no patrimonio ambiental e cultural en moitas parroquias dos concellos afectados, de modo que é necesario que as administracións adopten, coa máxima celeridade posible, medidas que garantan axudas a particulares e concellos afectados para que podan ser minorizados estes danos, sobre todo, a raíz do comezo da época de choivas que podería aumentar aínda máis o efecto ambiental pola gran acumulación de cinzas nos montes.