Os socialistas de Marín aplauden o funcionamento da zona azul e proporán a súa ampliación

Marín
23 de xaneiro 2022

O grupo municipal do Partido Socialista no Concello de Marín anunciou que apoiará a ampliación da iniciativa coñecida como "zona azul" ou aparcamento de dúas horas e comparten a análise realizada pola Policía Local sobre o seu funcionamento e a súa mellora    

Rúa Concepción Arenal
Rúa Concepción Arenal / PSOE de Marín

O grupo municipal do Partido Socialista no  Concello de Marín anunciou que apoiará a ampliación da iniciativa coñecida como "zona azul" ou aparcamento de dúas horas e comparten a análise realizada pola Policía Local sobre o seu funcionamento e a súa mellora.

Desde o Partido Socialista lembran que se trata dunha proposta súa e afirman que "a pesar das reticencias veciñais iniciais debido á falta de pedagoxía na súa posta en marcha e de impulsala no momento en que se desenvolvían obras na Avenida de Ourense e a rúa Estrada, desde o PSOE estabamos convencidos do éxito da medida". 

Así, o PSOE vai propoñer tres novas zonas para a súa valoración que estarían situadas na Avenida de Ourense, na rúa Concepción Arenal (inmediacións da rúa Sagrada Familia) e na entrada da barriada da Cañota, co obxectivo de "axudar ao comercio e ao veciño que quere realizar pequenas compras e xestións".

Nun comunicado, no PSOE marinense aseguran estar "convencidos de que a boa sintonía que sempre existiu nesta materia entre o concelleiro de Tráfico e os concelleiros socialistas será de axuda á hora de estudar e decidir as mellores localizacións".