Os socialistas de Cotobade denuncian un orzamento "continuísta e pouco innovador"

Cerdedo-Cotobade
08 de abril 2017

O primeiro orzamento que se aproba no concello fusionado de Cerdedo-Cotobade non gusta nas bancadas da oposición. Os socialistas denunciaron que as contas que presentou o Partido Popular son "continuístas e pouco innovadoras", a pesar de contar con máis ingresos polo fondo reservado pola Xunta para os procesos de fusión entre municipios

Lina Garrido, voceira do Partido Socialista en Cotobade
Lina Garrido, voceira do Partido Socialista en Cotobade / Mónica Patxot

O primeiro orzamento que se aproba no concello fusionado de Cerdedo-Cotobade non gusta nas bancadas da oposición. Os socialistas denunciaron que as contas que presentou o Partido Popular son "continuístas e pouco innovadoras", a pesar de contar con máis ingresos polo fondo reservado pola Xunta para os procesos de fusión entre municipios.

A voceira do PSdeG-PSOE, Lina Garrido, lamenta a ausencia de grandes investimentos e que o "asfalto" siga a ser a prioridade do goberno. Aseguran que se presentan "de forma abstracta e sen concretar por parroquias", o que entenden que permitirá "distribuír os cartos dunha maneira menos transparente e atendendo máis os favoritismos"

Ademais, Garrido reitera que antes de aprobar un orzamento conxunto ambos concellos debería ser sometidos a unha auditoría que fixera este proceso "máis transparente" e cumprindo a legalidade "como norma fundamental".

Das principais cifras, os socialistas aseguran que sete de cada dez euros do orzamento, que roza os cinco millóns, serán para pagar o persoal do concello e os gastos correntes.

A edil socialista considera "insuficientes", entre outras partidas, os 9.000 euros de axudas para os autónomos e empresas do municipio e critican os 3.000 euros consignados para subvencións nominativas para festas e asociacións de pais, mentres as escolas deportivas "terán problemas como sempre".

Os socialistas engaden que os 20.000 euros recollidos nos programas de emerxencia non están detallados e critican o aumento no salario do alcalde ata os 40.000 euros, así como das asistencias a plenos e comisións municipais que pasarán a 90 euros.