A deputada socialista Patricia Vilán criticou este venres os continuos "retrasos, inconcreción e falla de compromiso" demostrados pola Xunta na ampliación da estación depuradora de augas residuais (Edar) de Os Praceres, fundamental para mellorar o saneamento da Ría de Pontevedra.
A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Medio Ambiente logo do anuncio de investimento de 45 millóns por parte da Xunta, aínda sen concretar.
A deputada socialista lembrou que ata o momento o único compromiso amosado polo presidente da Xunta foron os 15 millóns de euros que "supostamente vai investir Ence" nesta estación depuradora que recibe as augas residuais de Pontevedra, Marín e parte dos concellos de Poio, Sanxenxo e Vilaboa. Este investimento, lembrou, "estaría incluído entre as condicións para ampliar a concesión da pasteira durante 60 anos máis".
Vilán sinalou tamén o investimento anunciado polo goberno galego de 43,5 millóns de euros, boa parte deles correspondentes a fondos europeos Feder, e preguntou canta desta contía corresponderíalle ao goberno galego e, sobre todo, "para cándo teñen previsto executar a ampliación".
Lembrou que a marxe da Ría de Pontevedra á que verte esta depuradora foi declarada sensible en 2001, e dende 2014 rexistra zonas C de contaminación, co que considera "un pouco longo" o retraso da Xunta no cumprimento do seu compromiso de mellorar a depuración dunha estación que xa ten superado con moito a súa capacidade.
FRUSTRACIÓN
Lembrou a "frustración demostrada polos mariscadores e bateeiros" que se teñen reunido coa conselleira de Medio Ambiente hai 20 días, derivada da "falla de inmediatez nas medidas a aplicar, pois ese gran problema repercute nos seus ingresos dende 2001".
Advertiu que o "único compromiso certo" do goberno galego foi comezar coa elaboración do proxecto de ampliación "e non coas obras" antes de que remate este ano, polo que esixiu prazos de execución e que "expliquen se realmente van executar o cen por cen dos 38 millóns de euros comprometidos".