Os socialistas critican a Ángel Moldes por "converterse a si mesmo no alcalde mellor pagado da historia de Poio"

Poio
29 de xuño 2023

O grupo municipal do PSdeG-PSOE advirte de que os custos do novo Goberno local superarán os 200.000 euros, sendo unha cantidade moito máis elevada que de mandatos anteriores

Gregorio Agís, voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE
Gregorio Agís, voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE / PontevedraViva

O PSdeG-PSOE, denuncia que o alcalde de Poio, Ángel Moldes, pasará a contar neste mandato "co maior soldo da historia dun rexedor no municipio". 

Os socialistas sinalan que Moldes cobrará 41.000 euros anuais, "o que supón un incremento de practicamente un 30% con respecto ás cantidades aprobadas no inicio do anterior mandato, cando as dedicacións máis elevadas apenas superaban os 31.000 euros brutos". 

Unha suba que tamén experimenta a outra dedicación exclusiva coa que contará o novo Goberno local, destinada ao concelleiro de Servizos, e que supera os 38.000 euros brutos. A estas dúas hai que sumar tres dedicacións parciais, unha ao 70% e outras dúas ao 50%.

Os socialistas, manifestan que Ángel Moldes "vive nunha contradición permanente", xa que "mentres quere facer crer que o Concello está nunha situación de penuria económica ao mesmo tempo súbese o soldo en preto dun 30% con respecto ás cantidades acordadas en 2019", no inicio do anteiror mandato.

O grupo municipal do PSdeG-PSOE advirte de que "o señor Moldes tratará de enganar á veciñanza falando dun suposto aforro por haber menos dedicacións que en mandatos anteriores, cando en realidade os gastos suben de xeito exponencial".

O principal grupo da oposición no Concello de Poio destaca que os custos totais para os soldos do Goberno local rondará os 150.000 euros ao ano, unha cantidade "á que nunca nos achegamos en mandatos anteriores". A esta cifra hai que engadir todas as asignacións que cobrarán outros catro concelleiros do Partido Popular pola asistencia aos órganos colexiados (Plenos, Comisións Informativas e Xuntas de Goberno), que se traducen noutros 40.000 euros ao ano aproximadamente. 

"Ao mesmo tempo que aumenta os soldos ata practicamente superar os 200.000 euros ao ano, o señor Moldes insiste en falar de penurias económicas no Concello que non existen. O propio alcalde se contradice a si mesmo, porque, se a situación fose tan alarmante como pretende facer crer á cidadanía, moito tería que explicar para poñerse o soldo máis alto da historia de Poio", critica o PSdeG-PSOE. 

A situación económica e financieira do Concello é de "absoluta solvencia, cunhas contas plenamente saneadas", din dende o PSOE. 

Durante o mandato que acaba de finalizar sempre se pecharon os orzamentos anuais con liquidacións moi elevadas. Ademais, "o Concello está totalmente ao corrente no que se refire a a pagos de nóminas, provedores, subministros ou ingresos de subvencións", todos estes datos están cotexados co departamento de Intervención hai apenas uns días, segundo o Partido Socialista.