Os socialistas cren que a obra en Eduardo Pondal vai causar máis problemas que solucións

Pontevedra
14 de outubro 2018

O portavoz do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández, instará o goberno municipal a reformular as obras que se están a acometer nesta rúa. Alerta de que nas horas punta se producen atascos importantes nesa contorna

Obras en Eduardo Pondal
Obras en Eduardo Pondal / PontevedraViva

O grupo municipal do PSOE recolleu as queixas de moitos veciños da rúa Eduardo Pondal ante o proxecto de reforma que se está acometendo nesta contorna, entre as rúas Filgueira Valverde e Uxío Novoneyra. 

Para Tino Fernández, portavoz municipal dos socialistas, estes cambios non ofrecen solucións senón que provocan máis problemas e molestias. Sinala que o venres 12 a media tarde esta zona era un caos debido a que se rexistraron retencións de vehículos que chegaban ata a rúa Teixoeira "para desesperación de moitos condutores".

A rúa, nese tramo, tras a reforma, manterá dous carrís cara Campolongo e un cara á estación de trens. Os socialistas consideran que Eduardo Pondal é unha arteria fundamental no tráfico de entrada e saída, ao conectar coas estacións de ferrocarril e de autobuses, ademais de conectar coa autoestrada.

Por iso entenden que a supresión do pequeno carril lateral de acceso á rúa Filgueira Valverde só consegue saturar os outros carrís e dificultar a circulación de entrada á cidade. "Produce máis prexuízos que beneficios", afirma Tino Fernández, preocupado pola supresión do aparcadoiro e dese carril na marxe dereita.

Sinala que parece que o goberno municipal "ten présa por facer obras que poida inaugurar antes das eleccións" e pide ao equipo de Fernández Lores que busque unha solución para evitar a retardación do tráfico de forma constante e os "atascos importantes" que se producen en horas punta.