Os socialistas comprometen itinerarios "máis seguros" para as persoas con discapacidade

Pontevedra
25 de febreiro 2019

Implantar itinerarios podotáctiles nos proxectos de urbanización e regular o tránsito de bicicletas e patinetes nas zonas peonís. Son as dúas principais medidas que propón o PSOE para crear itinerarios "máis seguros" en Pontevedra para as persoas con discapacidade

Xuntanza de Tino Fernández co director do CRE da ONCE, José Ángel Abraldes
Xuntanza de Tino Fernández co director do CRE da ONCE, José Ángel Abraldes / Mónica Patxot

Implantar itinerarios podotáctiles nos proxectos de urbanización e regular o tránsito de bicicletas e patinetes nas zonas peonís. Son as dúas principais medidas que propón o PSOE para crear itinerarios "máis seguros" en Pontevedra para as persoas con discapacidade.

Estas iniciativas pretenden dar resposta ás demandas que o director do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE, José Ángel Abraldes, transmitiulle en persoa ao candidato socialista á Alcaldía, Tino Fernández, no transcurso dun encontro que se celebrou este luns.

Abraldes explicou ao candidato socialista que a ONCE dispón dun especialista en cuestións de mobilidade e accesibilidade co que o Concello non contou demasiado ata o de agora.

Tal e como subliñou, aínda que Pontevedra ten beirarrúas ben deseñadas para persoas con mobilidade reducida, moitas das rúas de plataforma única do centro da cidade atópanse "cheas de obstáculos que poden resultar perigosos" para as persoas con discapacidade visual.

O directivo da ONCE alertou tamén da escasa implantación de semáforos dotados de sinais acústicas e dos pasos de peóns que, ao seu xuízo, están mal deseñados.

Neste sentido, Tino Fernández comprometeuse coa ONCE a crear itinerarios podotáctiles seguros (con baldosas rugosas) e a impulsar unha axeitada regulación do tránsito rodado.

"O problema é que as persoas con discapacidade visual non escoitan chegar ás bicicletas, patinetes ou coches eléctricos e son un verdadeiro perigo para eles", explicou Fernández, que incidiu na necesidade de instalar semáforos acústicos, máxime cando existen tecnoloxías que permiten que a alarma non estea soando durante todo o día e cause molestia aos veciños.

O candidato do PSOE á Alcaldía tamén amosou a súa disposición a mellorar o diálogo co experto en asuntos de mobilidade e accesibilidade da ONCE, de cara a contar coa súa opinión en proxectos de urbanización.

Arquivado en