Os socialistas chaman 'mamporreiro' a Jacobo Moreira por pedirlle á Xunta unha análise das redes de saneamento da Ría

Pontevedra
11 de febreiro 2015
Actualizado: 18:02

A través dunha Proposición Non de Lei, Jacobo Moreira plantexa instar á Xunta a afondar no estudo dos sistemas de saneamento e depuración da ría de Pontevedra, buscando a implicación dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa

Estación depuradora de augas residuais dos Praceres
Estación depuradora de augas residuais dos Praceres / PontevedraViva

Jacobo Moreira ven de presentar no Parlamento de Galicia unha proposta sobre o saneamento na Ría de Pontevedra.

A través desta iniciativa ínstase á Xunta de Galicia a afondar no estudo dos sistemas de saneamento e depuración da Ría de Pontevedra, coa implicación dos concellos limítrofes (Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa, que verten parte das súas augas residuais na depuradora de Praceres).

Segundo xustifica o deputado popular, o sistema de saneamento, que é de competencia municipal, foi configurado e construído nos seus principais elementos fai máis de 20 anos. Por iso, as redes de saneamento poden ter deficiencias, e necesítase un coñecemento exhaustivo do seu estado para corrixilas e para xestionar axeitadamente o volume de auga que circula por elas.

"Sen lugar a dúbidas, o estado desta rede inflúe na calidade das augas da ría", di Moreira

Para iso, Moreira entende que resulta precisa a colaboración dos Concellos aportando toda a información e documentación necesarias a fin de poder coñecer o estado actual da rede.

Di o voceiro local do PP que "sen lugar a dúbidas, o estado desta rede inflúe na calidade das augas da ría". Polo tanto, a súa correcta análise e os datos que se deriven dela son "clave" na súa mellora e no correcto dimensionamento das instalacións de depuración. En función deste diagnóstico poderán formulárse as medidas concretas de actuación en cada termo municipal.

Lembra o voceiro popular que "no municipio de Pontevedra, concretamente na zona do rural,  aínda se atopan centos de vivendas que non contan con saneamento". Esta revisión que formula Jacobo Moreira tan só poderá levarse a cabo nos lugares que dispoñen deste servizo básico.

RESPOSTA DO PSOE

O grupo socialista no concello de Pontevedra saíu ao paso desta información cun comunicado no que sinalan que o portavoz do grupo municipal do PP e candidato deste partido á Alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira, "non ten a cabeza nos problemas da cidade nin lle preocupan o máis mínimo. Está unicamente, aproveitando a súa condición de parlamentario galego, no papel de ⿿mamporreiro⿿ do Partido Popular".

Agustín Fernández, considera "ridículo" que Moreira anuncie esta iniciativa parlamentaria

O grupo municipal socialista, a través do concelleiro Agustín Fernández, considera "ridículo" que Moreira anuncie esta iniciativa parlamentaria, que califican coma "pintoresca", e sinalan coma "algo parecido a unha 'investigación' das redes municipais".

"Especialmente porque o anuncio chega o mesmo día en que a Xunta de Galicia parou a depuradora dos Praceres e verte ⿿a caño libre⿿ as augas residuais urbanas de máis de 100.000 habitantes, causando un dano de dimensións descoñecidas ao banco marisqueiro dos Praceres", di o escrito remitido aos medios. Agustín Fernández lembra que o pasado mes de decembro, o grupo parlamentario do PP, "incluído o propio Moreira", votou en contra dunha Proposición non de Lei do grupo socialista na que se instaba á Xunta a proceder ao saneamento integral da ría durante o ano 2015.

Lembran ademáis que hai escasamente uns meses, o propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, prometeu o saneamento integral de todas as rías galegas, "agás a de Pontevedra".

No comunicado dos socialistas reprochan a Moreira "o uso que fai da súa habitual táctica da ambigüidade. Diante da evidencia de que o saneamento integral da ría é unha competencia autonómica trata de culpar aos concellos. Obvia que a Xunta de Galicia recauda 4 millóns de euros anuais dos pontevedreses en concepto de canon de saneamento (Ence paga outro millón e case outro tanto o resto dos veciños dos municipios da ría) e iso non se ve correspondido con investimentos da Consellería de Medio Ambiente. Aínda máis, deteñen os investimentos comprometidos no saneamento do rural e néganse a asinar un novo convenio".

Remata o escrito o PSdeG local lamentando que Moreira "obvie tamén que a Xunta de Galicia, e non os concellos, xestiona os fondos europeos de saneamento e lle corresponde dar resposta aos requerimentos e ameazas de multas que chegan dos órganos europeos".

Arquivado en