Os sobreviventes do 'Sin Querer 2' e a armadora: cara a cara no xulgado polos despedimentos tras o naufraxio

Pontevedra
22 de xullo 2019

O Xulgado do Social número 2 de Pontevedra celebrou este luns o xuízo pola demanda presentada por oito tripulantes, que consideran que a empresa cometeu fraude ao facer a toda a tripulación unha sucesión de contratos temporais que deberían ser fixos e que os despedimentos deben ser improcedentes

Tripulación do 'Sin Querer 2', antes de acudir ao xuízo no Xulgado do Social número 2 de Pontevedra
Tripulación do 'Sin Querer 2', antes de acudir ao xuízo no Xulgado do Social número 2 de Pontevedra / Cristina Saiz

O naufraxio do barco 'Sin Querer 2', que afundiu o 19 de decembro de 2018 fronte ás costas de Finisterre con tres falecidos e un desaparecido, chegou este luns ao xulgado. Na sala de vistas do Xulgado do Social número 2 de Pontevedra non se dirimiron as causas da traxedia, que aínda están a ser obxecto doutra investigación xudicial, senón o ocorrido despois: a tripulación sobrevivente foi despedida. 

O 'Sin Querer 2' naufragou cando ían na embarcación dez tripulantes. Os seis que lograron saltar ás balsas salvavidas e sobrevivir e catro mariñeiros máis que formaban parte da tripulación do buque, pero non se atopaban a bordo no momento do afundimento, foron despedidos o 26 de decembro, sete días despois. Todos eles demandaron á empresa armadora e se abireron tres procedementos diferentes. Un deles xa foi xulgado hai dous meses, outro máis está pendente para setembro e este martes celebrouse o terceiro. 

O xuízo celebrado este martes revisa a demanda presentada por oito deses tripulantes, todos eles integrantes da tripulación permanente do 'Sin Querer 2'. En nome de todos eles, Ramón Ambrós, resumiu o sentir de todos eles ao asegurar que a armadora "quería sacarnos de diante", como demostra que no primeiro día laborable tras a catástrofe " xa nos puxeron na rúa". 

"Moi preocupados pola nosa saúde e benestar non estiveron", lamentaban este luns ás portas da Audiencia Provincial de Pontevedra. No caso deste mariñeiro, non estaba a bordo no momento do naufraxio ao atoparse de baixa, pero relata que moitos dos seus compañeiros quedaron moi afectados polo ocorrido e algún segue a tratamento psicolóxico, o que supón que a actitude da empresa é, ao seu xuízo, aínda máis reprochable. 

Na sala de vistas mostráronse dúas posicións totalmente antagónicas. Mentres que o avogado dos demandantes fala de que a empresa cometeu fraude ao facer a toda a tripulación unha sucesión de contratos temporais que deberían ser indefinidos a xornada completa e de que a xuíza debe considerar o despedimento realizado días despois como improcedente. Ademais, reclaman maiores cantidades en concepto de indemnización e que se considere que a antigüidade da relación laboral de tres deles coa empresa era maior á recoñecida pola empresa á hora de despedirlles.

Pola súa banda, a empresa xustifícase na "natureza da actividade do sector do cerco" para asegurar que os contratos tiñan que ser temporais e en que a relación laboral extinguiuse de forma legal polo fin do contrato co naufraxio. Ademais, reafírmase en que as cantidades abonadas aos traballadores son as correctas, baseadas en "o costume do lugar" e o proceder habitual na pesca do cerco. 

A empresa armadora, Pesqueira Sen Querer, oponse á demanda interposta polos oito mariñeiros asegurando que "non se produciu fraude algún" e responde que tres deles terían unha antigüidade máxima de febreiro e abril de 2014, data na que foron contratados por esta armadora por primeira vez. Previamente, xa traballaban no mesmo barco, pero este chamábase Praia de Portonovo e pertencía a outra armadora, Hermanos Deza. Xa antes da venda da empresa, os seus contratos extinguíranse

Esta afirmación da empresa referendouna a representante legal da outra empresa, que indicou que despediron a toda a tripbulación entre novembro e decembro de 2013 porque ían deixar de dedicarse ao sector pesqueiro. Posteriormente, a enfermidade do armador -foi diagnosticado dunha doenza terminal en xaneiro e faleceu en febreiro de 2014- precipitou que vendesen o barco á nova armadora. Asegurou que os despedimentos foron previos á venda do barco. 

Os demandantes aseguran que a armadora elixiu os contratos "unilateralmente" e fixou a antigüidade "arbitrariamente" e asegurou que os seus contratos tiñan carácter fixo descontinuo, como demostra que en 2017 traballaran para a mesma empresa 339 días e en 2018, 321. Se se lle suman as vacacións, nin sequera dan os días do ano.