Os sistemas de recollida selectiva do Porto de Marín retiraron preto de 1.200 toneladas de residuos o pasado ano

Pontevedra
04 de marzo 2022

A Autoridade Portuaria asegura puxo en valor máis do 80% dos residuos xerados durante 2021

Porto de Marín
Porto de Marín / Mónica Patxot

Os diferentes sistemas implantados no Porto de Marín para a recollida selectiva e reutilización de residuos por parte da Autoridade Portuaria, instalacións frigoríficas e departamentos de exportadores entre outros, deron como resultado a retirada de 1.177.538 quilos de residuos durante o ano 2021. 

Segundo informa a Autoridade Portuaria, a consolidación da recollida selectiva no porto por parte desta entidade e da empresa de Servizos Portuarios Cantodarea, xunto á "cada vez maior concienciación dos usuarios", facilita a xestión portuaria dos diferentes residuos.

Deste xeito, unha vez descartados os residuos sólidos urbanos e asimilables, o 81,80% restante foi valorizable durante o pasado exercicio ao estar separado en orixe. Trátase dunha porcentaxe que cada ano vai en aumento.

Os sistemas de xestión de residuos fóronse facendo extensivos a un cada vez maior número de instalacións en toda a comunidade portuaria nos últimos anos. Como resultado, desde 2013 retiráronse de forma selectiva 7.232.938 quilos.

O Porto de Marín ten adquirido un pleno compromiso na xestión ambiental de residuos relacionados coas actividades marítimas e portuarias. O maior volume de residuos separado en orixe durante 2021 corresponde ao papel e cartón, con 492 toneladas e aos plásticos con 260 tm, principalmente das instalacións frigoríficas do porto. Séguelles outro material de refugallo como restos de redes e burlóns (155 tm entre ambos os), madeira, poliexpan ou envases lixeiros.