Os sindicatos reclaman desde Pontevedra á ministra Batet máis emprego público

Pontevedra
07 de xuño 2018

Mentres Meritxell Batet tomaba posesión como ministra de Política Territorial e Función Pública, ante o edificio da Subdelegación de Goberno de Pontevedra delegados sindicais de CSIF, CCOO E UXT concentrábanse pola mellora do emprego público na Administración do Estado

Concentración de CSIF, UGT e Comisións Obreiras, ante a Subdelegación do Goberno
Concentración de CSIF, UGT e Comisións Obreiras, ante a Subdelegación do Goberno / Alejandro Vila

Mentres Meritxell Batet tomaba posesión como ministra de Política Territorial e Función Pública, ante o edificio da Subdelegación de Goberno de Pontevedra delegados sindicais de CSIF, CCOO E UXT concentrábanse pola mellora do emprego público na Administración do Estado.

Os representantes dos traballadores sinalaron que a progresiva perda de postos de traballo na Administración Xeral do Estado xunto as políticas do goberno que apostan pola privatización de servizos, está a poñer en perigo os servizos públicos, algúns dos cales se atopan ao bordo do colapso e precisan de solucións urxentes.

Estas centrais sindicais reivindicaron máis emprego e salarios dignos para os empregados públicos que, segundo denunciaron, foron castigados de maneira particular durante os últimos anos para cumprir os parámetros de contención do gasto, tanto na reposición de efectivos como nas condicións retributivas e polos recortes efectuados.

Entre outras demandas, urxen á nova ministra a negociar unha oferta de emprego público para 2018 "suficiente para crear emprego neto" e tamén a eliminar os descontos por incapacidade temporal, recuperar o carácter máximo da xornada laboral, e desenvolver a xubilación parcial, entre outras materias.

Reclámase un salario mínimo de 1.200 euros e homologar as condicións retributivas do persoal laboral e o persoal funcionario.

En definitiva, máis emprego, dereitos e salario.