Os sindicatos e o conselleiro de Economía discrepan ao evaluar os datos do paro

Pontevedra
06 de maio 2013

Mentres o conselleiro de Economía, Francisco Conde, considera que os datos son positivos, os representantes sindicais alertan de que se perderon, durante o último mes, 100 empregos no sector servizos dentro da comarca de Pontevedra

Traballador do sector servizos
Traballador do sector servizos / Mónica Patxot

Na avaliación sobre os datos do paro do mes de abril os sindicatos discrepan co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que hoxe visitaba a sede de AJE Pontevedra.

Conde indicaba que o dato é positivo: "estamos volcados coas diferentes iniciativas, coa propia lei de emprendemento, coas diferentes iniciativas no eido da innovación e internacionalización. Todas as forzas que estamos a desenvolver dende a Xunta de Galicia é precisamente para promover a actividade económica, o desenvolvemento, e polo tanto garantir que vaian diminuindo as listas do paro e que cada vez vaia habendo máis emprego".

Pola súa banda, Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, mostra a súa preocupación. Afirma que se está a destruír emprego no sector servizos e sinala que se perderon 100 postos de traballo neste sector durante o último mes: "O sector servizos está a lastrar os datos positivos dos outros sectores, pero aínda así con números moito menores de contratación que hai un ano no mesmo período. De non trocar as políticas de emprego coa "reforma laboral" á cabeza, todo indica que continuaremos nesta dinámica principalmente pola ruptura dramática do consumo".

José Luis García Pedrosa, máximo responsable comarcal de CC.OO. indica que "os datos non son para botar foguetes. Na provincia reducíuse o paro en 70 persoas".E engadiu a súa preocupación porque os datos do paro emitidos hoxe non coinciden cos da Enquisa de Poboación activa (EPA) que ofrecía unha cifra en España de 1.200.000 parados máis que os datos de desemprego de hoxe. Pedrosa apuntou que "os máis fiables son os da EPA. Creo que habería que poñerse de acordo en como computar o paro".

Arquivado en