Os sindicatos auguran un "seguemento masivo" a folga xeral na comarca

Pontevedra
07 de novembro 2012

"Estamos absolutamente convencidos de que terá máis seguemento que a folga xeral do 29 de marzo e a do 29 de setembro de 2010", sinalou o secretario comarcal de CC OO, José Luis García Pedrosa

Reunión de traballo de José Luis García Pedrosa, Rafael Iglesias e Ramón Vidal
Reunión de traballo de José Luis García Pedrosa, Rafael Iglesias e Ramón Vidal / PontevedraViva

CC OO, UGT e CIG están confiados en que a convocatoria de folga xeral do 14 de novembro terá un "seguemento masivo e maioritario" na comarca de Pontevedra.

"Estamos absolutamente convencidos de que terá máis seguemento que a folga xeral do 29 de marzo e a do 29 de setembro de 2010", sinalou o secretario comarcal de CC OO, José Luis García Pedrosa.

Os seus homólogos en UGT e CIG, Ramón Vidal e Rafael Iglesias, coinciden, se ben este último advirte que "o que vai inclinar a báscula vai ser a presión da patronal" para tentar evitar que os traballadores non vaian traballar.

Ramón Vidal asume que algúns traballadores partidarios de facer folga acudirán ao seu posto laboral porque "non ir a traballar un día para moitas familias supón unha semana de dificultades para a comida", debido á retirada de parte do salario que implica secundar o paro xeral.

Os tres sindicatos tiveron unha comparecencia conxunta para explicar os motivos desta folga. Ramón Vidal indica que "a razón fundamental é rescatar dous dereitos fundamentais, o dereito ao traballo e á vivenda, á unha vida digna".

Pedrosa insistiu en que "non ten que ser unha folga só dos traballadores, senón do conxunto da cidadanía"e os tres sindicatos anunciaron que están mantendo encontros sectoriais e por empresas para informar sobre "as razóns para mobilizarse". O próximo luns 12 de novembro o encontro será con todas as asociacións veciñais da comarca.

Arquivado en